A Guarda convértese na capital da filatelia española coa inauguración de FILATEM
• Dezaseis anos despois da celebración da anterior exposición nacional, reunindo autoridades, coleccionistas, expositores, xurados e afeccionados á filatelia
Infogauda/A Guarda
Ás doce do mediodía, a Aula de Estudos do Concello da Guarda acolleu o acto inaugural dunha nova edición de FILATEM, unha exposición nacional que devolve á vila o protagonismo dentro do mundo da filatelia e que, durante estes días, converte A Guarda na capital da filatelia española.
O encargado de dar a benvida aos asistentes foi o concelleiro de Cultura e Deportes do Concello da Guarda, Celso Rodríguez Fariñas, quen puxo de manifesto a importancia de acoller unha mostra destas características e salientou o valor que supón para a vila a celebración dunha exposición nacional de filatelia.
A continuación tomou a palabra o presidente da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, José Ángel Gándara Rodríguez, quen comezou a súa intervención escusando a ausencia, por motivos familiares, do presidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI). Na súa condición de secretario da Federación, asumiu a representación da entidade neste acto.
No seu discurso, quixo agradecer o apoio e patrocinio da Deputación de Pontevedra, do Concello da Guarda e da Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI), así como a colaboración de Correos, FEGASOFI, Concello do Rosal, Concello de Oia, asociacións, empresas colaboradoras e medios de comunicación, fundamentais para facer posible esta nova edición de FILATEM.
Tamén tivo palabras de agradecemento para todas as persoas que acudiron á inauguración, facendo especial mención á presenza da alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal; do tenente de alcalde do Rosal, Germán Fernández Rodríguez; así como dos expositores, xurados e do público asistente.
Dezaseis anos despois, FILATEM regresa á Guarda
Pola súa banda, Rafael Acuña Castillo, secretario xeral de FESOFI, destacou o significado especial desta edición, xa que transcorren dezaseis anos desde a última celebración de FILATEM na Guarda. Agradeceu igualmente a todas as institucións, entidades e persoas que contribuíron a facer posible o regreso desta exposición nacional e escusou a ausencia do presidente de FESOFI, José A. Arruego, tamén por motivos familiares.
A seguinte intervención correu a cargo da directora de Filatelia de Correos, Nuria Lera Hervás, quen destacou a celebración desta nova edición de FILATEM e o compromiso de Correos coa difusión e promoción da filatelia. Lera Hervás puxo tamén o foco na importante presenza dos coleccionistas xuvenís, unha participación especialmente relevante para garantir o futuro dunha afección que continúa a unir historia, cultura, comunicación e coleccionismo.
O acto de presentación foi pechado por Óscar Alonso Álvarez, que deu a benvida ás autoridades, coleccionistas, expositores, membros dos xurados e representantes de Correos e das distintas entidades participantes. Alonso Álvarez salientou a importancia de que A Guarda volva acoller unha exposición de carácter nacional e escusou a ausencia do alcalde da vila, Roberto José Álvarez Carrero, por motivos familiares.
Con estas intervencións quedaba oficialmente inaugurada a exposición, abríndose a continuación as portas para a visita ás diferentes coleccións participantes.
Un selo para A Guarda
Un dos momentos máis destacados da xornada chegou ás 13.00 horas, coa presentación por parte de Correos dun novo selo - cuxo orixinal é un debuxo ao carbón da autoría de Luis Alberto Franco Lomba - dedicado á Praza do Reló da Guarda, unha emisión que engade un significado especial á celebración de FILATEM.
No acto participaron Nuria Lera Hervás, directora de Filatelia de Correos; Abel Fermín Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Paula Bouzós Barros, deputada da Deputación de Pontevedra; Cristina Correa Pombal, alcaldesa de Oia; Germán Fernández Rodríguez, tenente de alcalde do Rosal; Óscar Alonso Álvarez, tenente de alcalde da Guarda; e Rafael Acuña Castillo, secretario de FESOFI, xunto con representantes da organización e da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa.
Durante a presentación do selo, os participantes coincidiron en salientar o papel fundamental que o selo postal desempeñou ao longo da historia do correo e a súa capacidade para converterse nun pequeno embaixador cultural. Unha imaxe impresa nun selo pode viaxar miles de quilómetros acompañando unha mensaxe e chegar a calquera recuncho do mundo, levando consigo unha parte da identidade, da historia e do patrimonio do lugar que representa.
Neste sentido, foi especialmente agradecida a colaboración de Correos, que con motivo de FILATEM volve emitir un selo cunha imaxe vinculada á Guarda, contribuíndo así a proxectar o patrimonio local máis alá das fronteiras da vila.
A xornada inaugural deixou así unha mensaxe compartida entre institucións, organizacións filatélicas e afeccionados: a filatelia segue sendo moito máis ca un simple coleccionismo. Cada selo conserva unha historia, retrata unha época, divulga un territorio e permite que lugares e imaxes viaxen polo mundo.
E, durante estes días, ese lugar é A Guarda, que recupera o protagonismo como punto de encontro da filatelia española coa celebración dunha nova edición de FILATEM.





Ningún comentario:
Publicar un comentario