14 de set. de 2026

TUI

Tui aposta pola formación para o emprego cun novo curso de Atención Sociosanitaria no domicilio  

 •  O Concello de Tui colabora con Idades na organización dun curso que combina formación teórica e prácticas en empresa para facilitar o acceso ao mercado laboral  


Foto: CT

Infogauda/Tui

 O Centro Municipal de Formación do Concello de Tui, situado en Guillarei, acollerá do 21 de setembro ao 4 de novembro un curso de “Atención Sociosanitaria no domicilio”, unha iniciativa orientada á formación para o emprego e a facilitar a incorporación ao mercado laboral nun sector que presenta unha elevada demanda de profesionais.  

 O curso está organizado pola empresa Idades, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Tui, coa colaboración do Concello, e conta con 150 horas de formación, das que 100 serán teóricas e 50 prácticas en empresa, permitindo ás persoas participantes coñecer de primeira man a realidade profesional e adquirir experiencia práctica nun contorno laboral real.  

 A formación desenvolverase de luns a xoves, de 16.30 a 20.30 horas, no Centro Municipal de Formación de Guillarei.  

 Dende o Goberno municipal destacan a importancia de vincular as políticas de formación coas necesidades reais do mercado laboral, especialmente en sectores como o dos coidados e a atención sociosanitaria, que están a experimentar unha crecente demanda de profesionais cualificados.  

 “A formación para o emprego é aquela que ofrece oportunidades reais de incorporación ao mercado laboral. Neste caso, estamos ante unha actividade formativa que responde a unha necesidade concreta: a existencia dunha demanda de profesionais no ámbito da atención domiciliaria. A combinación da formación teórica coas prácticas en empresa é unha metodoloxía extraordinaria porque permite achegar as persoas participantes á realidade do posto de traballo”, sinala Ana Núñez, concelleira de formación e emprego.  

 A iniciativa enmárcase así na aposta municipal por favorecer a formación, mellorar a empregabilidade e facilitar novas oportunidades laborais, aproveitando os recursos municipais e a colaboración con empresas e entidades que coñecen directamente as necesidades dos distintos sectores profesionais.  

 O curso está aberto a mulleres e homes interesados, preferentemente de Tui pero tamén de outros municipios, polo que representa unha oportunidade para aquelas persoas que buscan acceder ao mercado laboral ou reorientar a súa carreira profesional cara ao sector dos coidados.  

 As prazas son limitadas e as persoas interesadas poden solicitar información e formalizar a súa inscrición a través dos correos enedina@idades.es ou patriciaperez@idades.es, ou no teléfono 986 85 49 96.

Ningún comentario:

Publicar un comentario