Expertos internacionais achéganse a Galicia para coñecer experiencias de éxito en saúde mental e mocidade
• A visita, coordinada por Interreg Europa, enmárcase nun estudo de coñecemento sobre experiencias relacionadas cos sistemas de apoio para a mocidade con problemas de saúde mental no mercado laboral, coa fin de implementar políticas ao respecto na rexión polaca de Pomerania.
• O 29 de setembro, o comité de expertos achegarase a Saúde Mental FEAFES Galicia para coñecer os programas que leva a cabo a entidade neste eido, así como outros que se desenvolven na comunidade autónoma da man da Xunta de Galicia.
Ana Escrigas Rodríguez/ Santiago de Compostela
O goberno da Rexión de Pomerania (Polonia) está na procura de solucións que permitan ofrecer á xuventude con problemas de saúde mental espazos accesibles con apoios multidisciplinares adaptados ás súas necesidades. Neste senso, están a realizar visitas de estudo para coñecer prácticas exitosas levadas a cabo noutras rexións con experiencia.
A visita que se realizará este martes, 29 de setembro a Saúde Mental FEAFES Galicia está coordinada pola Plataforma de Aprendizaxe e Políticas de Interreg Europa, garantindo a continuidade na metodoloxía con respecto a anteriores encontros e favorecendo unha transferencia de coñecemento orientada a resultados. Así, brindarase á Rexión de Pomerania e aos seus principais actores a oportunidade de coñecer de primeira man o modelo galego de apoio á xuventude con problemas de saúde mental, fomentando a aprendizaxe mutua e explorando futuras oportunidades de colaboración.
Ao encontro asistirán persoal do Voivodato de Pomerania, persoas expertas de Interreg Europa, un equipo internacional de expertas de diversas procedencias (España, Eslovenia e Lituania) e persoal técnico e directivo de Saúde Mental FEAFES Galicia, que será a entidade anfitrioa. Por parte da Xunta de Galicia participarán Dna. Zeltia Lado, Directora Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego e Dna. Almudena Díaz, Subdirectora Xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde.

Ningún comentario:
Publicar un comentario