A música tradicional estreita os lazos entre A Guarda e Póvoa de Varzim
• A participación do Grupo de Gaitas do Club de Pensionistas e Xubilados da Guarda e do Grupo de Cantares Tradicionais da Póvoa de Varzim levou a música popular ás rúas da cidade portuguesa nunha xornada de intercambio cultural e convivencia
Ricardo Rodríguez Vicente/Póvoa de Varzim/A Guarda
A música tradicional galega e portuguesa tomou as rúas de Póvoa de Varzim nunha xornada de intercambio cultural destinada a estreitar os lazos de amizade e cooperación entre esta localidade portuguesa e A Guarda. O encontro estivo organizado conxuntamente polo Municipio da Póvoa de Varzim, o Concello da Guarda e a Asociación de Amizade Póvoa de Varzim Cidades Geminadas.
A iniciativa contou coa presenza da presidenta da Câmara Municipal da Póvoa de Varzim, Andrea Silva, e do concelleiro de Cultura e Deportes do Concello da Guarda, Celso Rodríguez Fariñas, así como de Francisco Casanova, coordinador do evento na cidade poveira. Rodríguez Fariñas quixo agradecer expresamente a Casanova o labor desenvolvido na organización desta actividade e na consolidación dos vínculos entre ambas as localidades.
O encontro tivo como principal obxectivo reforzar as relacións bilaterais a través da cultura e da participación cidadá, promovendo o intercambio cultural e o fortalecemento do envolvemento sociocomunitario. A música converteuse, así, nun dos principais fíos condutores dunha xornada na que as tradicións de ambos os territorios compartiron protagonismo.
As actuacións musicais conxuntas levaron os sons tradicionais ás rúas e prazas máis céntricas de Póvoa de Varzim. As formacións participantes ofreceron diferentes intervencións na Praza do Almada, na Praza da República, no Largo Dr. David Alves e no Largo do Paseo Alegre, nun percorrido que rematou no Diana Bar.
No intercambio participou activamente o Grupo de Gaitas do Club de Pensionistas e Xubilados da Guarda, que dirixido por Eduardo Rodríguez Sobrino, compartiu escenario e espazos coa música do Grupo de Cantares Tradicionais da Xunta de Freguesía da Póvoa de Varzim, dirixido por José Pinheiro. O encontro permitiu poñer en común dúas tradicións musicais próximas e, ao mesmo tempo, mostrar ao público a riqueza do patrimonio cultural inmaterial de ambos os lados da fronteira.
A programación completouse con diversas actividades de carácter cultural e institucional. Entre elas figurou unha visita ao Museo Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim, que permitiu á delegación guardesa coñecer máis de preto o patrimonio e a historia da cidade portuguesa. Tamén houbo espazos de convivencia entre as comitivas dos dous municipios, favorecendo o contacto persoal e o intercambio de experiencias.
A xornada reafirmou deste xeito a vontade de A Guarda e Póvoa de Varzim de seguir estreitando os seus vínculos a través de iniciativas que combinen cultura, tradición e participación social. Unha relación que atopou na música tradicional un punto de encontro para facer máis visible a proximidade histórica e humana entre as dúas comunidades.
.jpg)



Ningún comentario:
Publicar un comentario