O Concello de Oia mellora o Camiño Portugués da Costa coa instalación de novos cobertores para contedores financiados con fondos europeos
Infogauda/Oia
O Concello de Oia conta cunha nova actuación de mellora no Camiño Portugués da Costa, consistente na instalación de cobertores para contedores integrados na paisaxe, co obxectivo de reforzar a calidade ambiental, a estética do trazado e a experiencia das persoas peregrinas e visitantes.
Esta intervención forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino – PSTD Oia Natural, financiado polo Ministerio de Industria e Turismo a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, no marco dos fondos europeos NextGenerationEU.
O Camiño Portugués da Costa é hoxe unha das rutas xacobeas de maior crecemento. As previsións para este ano apuntan ao paso de arredor de 100.000 peregrinos polo municipio, consolidando Oia como un punto estratéxico do itinerario entre A Guarda e Baiona.
Neste contexto, a instalación dos novos cobertores para contedores contribuíu a: eliminar impactos visuais en puntos sensibles do trazado, integrar os elementos de recollida de residuos na paisaxe litoral e rural de Oia, mellorar a percepción de limpeza e coidado do territorio, especialmente nos tramos de maior tránsito e reforzar a imaxe de destino sostible, coherente coa marca turística Oia Natural.
Esta intervención súmase ao conxunto de melloras que o Concello de Oia desenvolveu no marco do PSTD Oia Natural, un plan estratéxico que combinou actuacións de transición verde, dixital e de cohesión social para fortalecer o destino turístico e preservar o seu patrimonio natural e cultural.

Ningún comentario:
Publicar un comentario