17 de set. de 2026

O BAIXO MIÑO

FEMUPO continúa en Oia e A Guarda o proxecto “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” 

•  O proxecto desenvolverá este venres un taller participativo na Asociación de Veciños de Mougás e o luns, 21 de setembro, ás 11:00 horas, inaugurará na Casa dos Alonso, da Guarda unha nova parada da súa exposición itinerante. 



Infogauda/O Baixo Miño 

 A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) continúa esta semana o percorrido do proxecto “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño”, unha iniciativa itinerante de carácter cultural, educativo e social que conecta igualdade, territorio e valores do Camiño de Santiago. 

 A programación chegará primeiro a Oia onde permanecerá esta semana e, onde este venres, 18 de setembro, se desenvolverá un taller participativo na Asociación de Veciños de Mougás. A actividade permitirá achegar á cidadanía as historias e traxectorias de mulleres referentes, ao tempo que se traballa arredor da igualdade, da participación e da importancia de identificar referentes femininos próximos. 

 Os talleres forman unha parte esencial do proxecto e combinan divulgación, reflexión e participación. Entre as dinámicas propostas atópase “As mulleres que fan o noso Camiño”, coa que cada participante pode identificar unha muller referente da súa vida e contribuír á creación dun mural colectivo. O programa inclúe tamén actividades relacionadas co coidado da contorna e cos valores de respecto, convivencia e responsabilidade vinculados ao Camiño de Santiago. 




 A seguinte parada será A Guarda, onde o luns, 21 de setembro, ás 11:00 horas, terá lugar a inauguración oficial da exposición na Casa dos Alonso, espazo do Concello da Guarda no que a mostra permanecerá instalada durante unha semana. 

 A exposición está composta por sete paneis: un primeiro panel de presentación e contextualización do proxecto; cinco paneis dedicados ás diferentes edicións dos Premios Mulleres FEMUPO, de 2022 a 2026; e un último panel con códigos QR que permiten acceder a contidos dixitais e ampliar a información sobre as mulleres e entidades recoñecidas. 

 A través desta mostra, FEMUPO busca poñer no centro a mulleres que, desde ámbitos moi diversos, abriron camiño e contribuíron a transformar a súa contorna. As súas experiencias convértense así en ferramentas de inspiración e sensibilización para persoas de todas as idades. 

 O proxecto percorre dez concellos vinculados ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués pola Costa, combinando exposicións itinerantes, talleres participativos e accións de sensibilización. O seu percorrido finalizará en Vigo a finais do mes de outubro. 

 Desde FEMUPO destacan que o obxectivo non é unicamente mostrar historias de mulleres recoñecidas, senón tamén favorecer que a cidadanía identifique os seus propios referentes e participe activamente: 

 “Poñer a mulleres referentes no foco é un gran paso. Cada historia que coñecemos, cada referente que identificamos e cada experiencia que compartimos contribúe a construír un camiño máis igualitario”. 

 FEMUPO agradece especialmente a colaboración da Asociación de Veciños de Mougás e do Concello da Guarda para facer posible esta nova etapa do proxecto e achegalo á cidadanía. 

 “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” está impulsado pola Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario