FÚTBOL
O Sporting Guardés busca reaccionar no Baltasar Pujales
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
Este domingo, 4 de outubro, ás 17:00 horas, o Estadio Baltasar Pujales, de Bouzas (Vigo) será o escenario do encontro correspondente á quinta xornada da Liga 2026-2027 de Primeira Galicia – 1ª FUTGAL, Grupo 6, que enfrontará o Club Rápido de Bouzas e o Sporting Guardés.
Os dous equipos chegan a esta cita con obxectivos ben diferentes, polo menos atendendo ao acontecido nas catro primeiras xornadas do campionato.
O Rápido de Bouzas ocupa actualmente a oitava posición da táboa, con seis puntos no seu haber. O conxunto vigués aínda non coñece a derrota, despois de sumar unha vitoria e tres empates. O único triunfo chegou na súa visita ao campo do AD Mosende, onde se impuxo por 0-1. Os tres encontros restantes remataron en igualada: 3-3 no Baltasar Pujales fronte ao Progresista F.C.; 1-1, tamén como local, ante o Gondomar C.F.; e 0-0 no Campo do Alivio fronte ao Tomiño F.C.
Un balance que deixa ao Rápido invicto e que, sobre todo, lle permite afrontar esta quinta xornada con certa tranquilidade clasificatoria.
No outro lado estará un Sporting Guardés que aínda busca a súa primeira vitoria da tempada. O equipo da Guarda suma dous puntos, froito de dous empates: 2-2 ante o Gondomar C.F., na Sangriña, e idéntico resultado fronte ao Tomiño F.C., no Campo do Alivio.
As outras dúas xornadas acabaron en derrota. O Sporting caeu por 2-1 no campo do UDC Vilaboa e, o pasado domingo, perdeu por 0-1 na Sangriña fronte ao C.D. Choco, actual líder provisional da competición.
Con dous puntos en catro partidos, o conxunto guardés ocupa a décimo quinta posición da clasificación, tres postos por debaixo do lugar que ocupaba a semana pasada.
Unha saída complicada
Qué pode acontecer este domingo no Baltasar Pujales? Iso, como sempre no fútbol, está por escribir. O que si parece claro é que o Rápido de Bouzas tratará de facer valer a súa condición de local para que os tres puntos permanezan en terras viguesas.
O Sporting Guardés, pola súa banda, terá que ofrecer unha versión máis intensa e competitiva se quere «rascar» algo da súa visita a Bouzas. Os números das primeiras xornadas non invitan ao optimismo, pero a competición acaba de comezar e aínda queda moito camiño por percorrer.
Precisamente por iso, un resultado positivo podería supoñer un importante pulo anímico para o equipo da Guarda e servir para cambiar a dinámica destas primeiras xornadas.
E, postos a pedir axuda, sería desexable que os seareiros do Sporting Guardés se desprazasen ata Bouzas para animar o seu equipo. E mesmo, se cadra, non estaría de máis levar unha boa ristra de allos.
Porque, quen sabe? Talvez sexa o ingrediente que falta para espantar os malos fados, cambiar o rumbo e conseguir que o Sporting Guardés comece a mostrar sobre o terreo de xogo algo máis de garra da que amosou neste inicio de competición.
A tempada acaba de comezar. Hai tempo para reaccionar. E o primeiro paso pode chegar este domingo, ás cinco da tarde, no Baltasar Pujales.

Ningún comentario:
Publicar un comentario