BALONMÁN FEMININO
A Sangriña acolle a eliminatoria infantil por entrar na liga Ouro
• O pavillón guardés recibe esta fin de semana a eliminatoria de ascenso á liga Ouro da categoría infantil feminino, no que as de María Doiro mediranse ao Tui, ao Culleredo e ao Novás
• As xuvenís de Pablo Bresas e José Ignacio Prades disputan a mesma competición a domicilio en Coia, onde llas verán co Seis do Nadal, o Caselas e o Cañiza
Redacción Deportes/A Guarda
A base do Atlético Guardés achégase á hora da verdade. Esta fin de semana, o pavillón da Sangriña acollerá a eliminatoria de ascenso da categoría infantil feminina, no que as de María Doiro recibirán a outros tres equipos por unha praza na liga Ouro, máxima competición autonómica. Ademais, tamén este venres, sábado e domingo, as xuvenís de Pablo Bresas farán o propio en Coia.
O infantil chega á competición defendendo un liderado incontestable na fase de clasificación previa, condición que lle outorgou precisamente o dereito para organizar a eliminatoria como anfitrión na Sangriña. Este venres 25, sábado 26 e domingo 27 de setembro, así, o Balonmán Culleredo Remax Riazos, o Martínez & de Castro Balonmano Tui MS e o Atlético Novás mediranse contra as de María Doiro por unha praza na liga Ouro, a máxima competición da categoría a nivel galego. Tres partidos en tres días para cada equipo que se distribúen do seguinte xeito, todos no pavillón baixomiñoto e con entrada libre:
Venres 25
19.00 horas
Atlético Guardés – Culleredo Remax Riazor
20.30 horas
Atlético Novás – Martínez & De Castro Tui MS
Sábado 26
11.00 horas
Atlético Novás – Culleredo Remax Riazor
12.45 horas
Atlético Guardés – Martínez & De Castro Tui MS
Domingo 27
11.00 horas
Culleredo Remax Riazor – Martínez & De Castro Tui MS
12.45 horas
Atlético Guardés – Atlético Novás
María Doiro: “Temos un obxectivo esixente por diante, e o feito de poder disputalo en casa fai que as ganas sexan aínda maiores”
A adestradora infantil, María Doiro, explica que afrontan esta eliminatoria co obxectivo da liga Ouro en mente “con moita ilusión e ambición”. Aínda que celebra o bo resultado das súas na fase de clasificación, onde “conseguimos a primeira posición gañando os nosos tres partidos fronte a rivais esixentes e indo de menos a máis co paso das semanas”, admite que esta fin de semana “empeza un novo reto e sabemos que teremos que traballar moito para alcanzalo”.
Na súa primeira tempada a cargo deste novo equipo infantil, a guardesa explica que “estamos en pleno proceso de coñecernos e adaptarnos, construíndo o noso modelo de xogo desde cero e aos poucos”, polo que tamén espera destes tres duelos que sexan “unha oportunidade para poñer en práctica todo traballar e seguir dando pasos adiante”. As súas avanzan con certeza, “centradas en nós, na nosa forma de xogo e en seguir construíndo o equipo que queremos ser” e buscando dar a mellor versión de si mesmas.
Para iso, conclúe a técnica, esperan que o apoio da Sangriña sexa crucial. “Temos un obxectivo esixente por diante, e o feito de poder disputalo en casa fai que as ganas de competir xuntas por conseguilo sexan aínda maiores”, sentencia Doiro.
As xuvenís, a por a liga Ouro en Coia
Pola súa banda, as xuvenís de Pablo Bresas, tamén novo primeiro ao mando xunto co tamén coordinador da base no seu conxunto José Ignacio Prades, afrontan exactamente o mesmo reto a domicilio. As maiores da canteira miñota viaxarán esta fin de semana a Coia, á pista do Seis do Nadal vigués, para competir contra el e o Rodespi Balonmán Cañiza e o Balonmán Caselas polo obxectivo de entrar na máxima categoría que todos teñen en mente.
De novo, será un encontro por xornada para as guardesas, que tamén coñecen os seus horarios: o venres ás 20.30 horas contra o Cañiza; o sábado ás 12.30 contra o anfitrión e o domingo ás 10.30 ante o Caselas.
Pablo Bresas: “Temos que ser capaces de levar á pista todo o que vimos adestrando e estar á altura da competición”
Pola súa banda, o adestrador xuvenil tamén recoñece o proceso de crecemento en que se atopan as súas, un equipo de alto nivel que o ano pasado proclamouse campión desta mesma Liga Oro na categoría cadete. “Fomos de menos a máis, crecendo tanto no grupal como no xogo”, explica o arxentino, aínda que indica que o máis importante é que iso se plasme esta fin de semana: “Temos que ser capaces de levar á pista todo o que vimos adestrando para que poidamos notar esa evolución”.
Polo demais, Bresas admite que o grupo é equilibrado, con rivais “con niveis moi similares ao resto”, aínda que non por iso menos alcanzable, pois iso implica que “o que cometa menos erros sairá con aire da situación”. Pase o que pase, a previsión é a mesma, ir a por todas e tratar de “facelo o mellor posible nesta fase e intentar que todo o que dependa de nós estea á altura da competición”.
.jpg)

Ningún comentario:
Publicar un comentario