28 de set. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Atlético Guardés visita ao Zonzamas para comezar unha semana decisiva 

• O equipo baixomiñoto viaxa este martes a Lanzarote para disputar a cuarta xornada en casa do Zonzamas Plus Car Lanzarote (20.00 hora canaria) 

• Trátase do primeiro reto da semana para un Atlético Guardés que, nada máis regresar, deberá prepararse para a eliminatoria europea que recibe A Sangriña o sábado e domingo 


Adestrador e xogadoras do Atlético Guardés nun tempo morto do encontro disputado fronte ao Elx
Foto: Lino Escurís

 Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés inaugura unha nova semana decisiva. As de José Ignacio Prades viaxarán este martes a Lanzarote para visitar ao Zonzamas pola cuarta xornada ligueira (20.00 hora canaria), o primeiro partido de seis días que se completarán co reto da primeira eliminatoria europea o sábado e domingo na Sangriña. A comitiva componse de 14 xogadoras, sen Elena Martínez, María Cobo nin África Sempere. 

 O Atlético Guardés chega despois dun merecido descanso, aínda que durante o que tampouco quixo baixar a intensidade. As de Prades aproveitaron o parón ligueiro para manter o ritmo competitivo cun amigable coa Selección Portuguesa celebrado o pasado mércores, un partido moi físico e esixente que se saldou cunha traballada vitoria local (26-22). O corpo técnico segue medindo a temperatura dun persoal que xa viviu as súas primeiras ausencias, e comprobando que, por agora, puido compensalas con bastante solvencia. Pero esta semana ofrece novos retos e pedras de toque importantes para un equipo que aínda segue calibrando sensacións e efectivos neste intenso arranque ligueiro. 

 Así, a comitiva guardesa sairá este martes a media mañá desde Lavacolla ata Lanzarote, onde lle esperarán unhas poucas horas antes de saltar á pista no municipal de San Bartolomé. A convocatoria componse de 14 xogadoras, reducida tanto pola viaxe ás Illas como polos efectivos reais dos que dispón Prades agora mesmo: a baixa de Elena Martínez continúa, pois a valenciana terá aínda esta semana a última cita médica que confirme o diagnóstico do seu xeonllo; e tampouco María Cobo, nin África Sempere, están aínda para volver ás pistas. Cecilia Cacheda, que valoraba unha posible rotura do polgar esquerdo sufrida nun adestramento antes do encontro ante Elxe, confirmou finalmente que se trataba dunha luxación leve e o máis probable é que volva sumar minutos mañá.  

 A dificultade engadida virá nos días seguintes: a distribución de voos causou que o Atlético Guardés non regrese do arquipélago ata o mércores tirando cara ao final do día, con pouco espazo para afrontar o xoves, e o resto da semana, pensando na preparación do dobre duelo europeo do fin de semana ante o Boden sueco.  

 Polo demais, o equipo baixomiñoto verallas este martes cun Zonzamas Plus Car Lanzarote máis forte no seu segundo ano de volta na elite. Aínda que as de Sergio Hernández aínda non sumaron puntos esta tempada, e sen dúbida chegarán con ganas de poder facelo por primeira vez na súa casa, si demostraron un novo carácter nestes tres primeiros partidos, sostidos por un ataque forte e capaz de facer sufrir aos seus rivais. Tras caer con dúbidas (22-19) ante o Elda Prestixio e de xeito máis folgado ante o Rocasa (23-32), as insulars estiveron a piques de arrebatar a vitoria ao Porriño o pasado 16 de setembro (23-22), e senten que a súa primeira vitoria aproxímase. O equipo perdeu efectivos importantes durante o cambio de tempada, coas saídas do seu anterior corpo técnico e das xogadoras Marie Louis, Daniela Jerónimo, Nahomi Márquez ou a exguardesa Pauli Fernández; aínda que os reforzos de Marilia Correia, Queralt Fornt ou Paola Santos están a dar os seus froitos, así como a chegada de Cecilia Colmenero procedente de Ouro. 

 En calquera caso, o deste martes será o primeiro reto dunha semana intensa, cuxo primeiro paso será minimizar a afectación de todas as circunstancias e dificultades que o rodean para así poder alongar o bo desempeño inicial e consolidar as boas sensacións na categoría.  

José Ignacio Prades: “Sumar dous puntos daríanos moitísima confianza antes de afrontar ese dobre partido europeo da fin de semana”

 O adestrador do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, coincide en que esta cuarta xornada presenta “un partido complicado, contra un rival que sabemos que na súa casa vai ofrecer moita resistencia”. O de Petrer destaca o bo rendemento das insulars ata o de agora, que xa fixeron “un moi bo partido contra Porriño” do que estiveron “a piques de levarse algo positivo” a domicilio e que demostrou que “están a xogar un balonmán moi bo”. 

 A maiores, o técnico indica o momento tan crucial en que chega este partido. “Para nós é moi, moi importante”, indica, pois “sumar dous puntos daríanos moitísima confianza antes de afrontar ese dobre partido europeo da fin de semana”. A vitoria non deixa de ser o obxectivo principal, aínda que para o preparador do Atletico Guardés o fundamental é “seguir collendo sensacións e seguir traballando igual de ben que o levamos facendo desde que comezou a pretemporada”, co foco posto “en nós mesmas, en sacar rendemento das nosas fortalezas e en mellorar aquilo que non facemos tan ben”.  

 Estes indicadores, máis aló do resultado, seguen sendo a prioridade. O técnico valorou se non hai máis remedio a dificultade de “ser competitivas unha vez máis fóra de casa”, co peso engadido da viaxe en avión o mesmo día do partido, dous factores que obrigan ás súas a “afrontar o partido con moitísima seriedade, con moitísimo respecto e sabendo que Zonzamas na súa pista vai ser un rival perigosísimo”.  

AXENDA 

Liga Guerreiras Iberdrola | Xornada 4 

Zonzamas Plus Car Lanzarote – Balonmán Atlético Guardés 

Martes, 29 de setembro | 20.00 horas (Illas Canarias) 

Polideportivo Municipal de San Bartolomé 

Retransmisión en directo pola canle de YouTube do Club Balonmano Zonzamas: 

https://www.youtube.com/watch?v=Nra1qqMX4qE

Horarios dos encontros da EHF European League

EHF European League | Round 2 – Ida 

Balonmán Atlético Guardés – Handboll Boden IF 

Sábado, 3 de outubro | 12.00 horas | Pavillón Municipal da Sangriña 

En directo na canle G2 da Televisión de Galicia e en agalega.gal 

EHF European League | Round 2 – Volta 

Balonmán Atlético Guardés – Handboll Boden IF 

Domingo, 4 de outubro | 12.00 horas | Pavillón Municipal da Sangriña| 

En directo na canle G2 da Televisión de Galicia e en agalega.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario