26 de set. de 2026

A GUARDA

A Guía prepárase para vivir unha nova edición do seu Serán 


Integrantes da Agrupación Folclórica Vento Mareiro
Fotos: Cedidas
Compoñentes da Murga Airiños do Cereiro


Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda 

 A música tradicional e o espírito participativo volverán ser protagonistas na Guía o vindeiro sábado, 3 de outubro, coa celebración dunha nova edición do Serán da Guía, unha cita que reunirá veciñanza e amantes do folclore nunha noite de música e tradición.  

 O serán dará comezo ás 21:30 horas na praza da Guía e está organizado pola Agrupación Folclórica Vento Mareiro, coa colaboración do Concello da Guarda e da Deputación Provincial de Pontevedra, a través do Plan Culturea.

 A programación contará coa participación da propia Agrupación Folclórica Vento Mareiro e da Murga Airiños do Cereixo, que serán as encargadas de poñer música á noite e animar unha celebración na que o protagonismo estará tamén nas mans do público.  

 E é que o Serán da Guía nace cun marcado carácter participativo. Desde a organización fan un chamamento á veciñanza e a todas as persoas afeccionadas á música tradicional para que se sumen á festa cos seus propios instrumentos: «Traede os vosos instrumentos. Convidamos a todos/as a participar!».  

 A proposta pretende así recuperar e manter vivo o espírito dos seráns tradicionais galegos, nos que a música, o baile e a participación espontánea da veciñanza convertían cada encontro nunha auténtica festa popular.

 En caso de choiva, a celebración trasladarase ao pavillón de Solanas, garantindo así o desenvolvemento da actividade independentemente das condicións meteorolóxicas.  

 Todo está preparado, polo tanto, para que a praza da Guía se encha de música e tradición nunha noite na que o folclore será o gran protagonista e na que o público está convidado non só a escoitar, senón tamén a participar e facer soar os seus instrumentos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario