18 de set. de 2026

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA ULTIMA AS OBRAS DA NOVA BIBLIOTECA MUNICIPAL COA REPARACIÓN E POSTA A PUNTO DA CUBERTA  

Os traballos actuais permitirán garantir a estanquidade e a correcta conservación do edificio que albergará este novo espazo municipal para a lectura, a cultura e o estudo 

 

Vista do persoal que está traballando na cuberta da antiga Casa do Concello que acollerá a nova biblioteca municipal e sala de estudos
Foto: CAG

Infogauda/A Guarda 

 O Concello da Guarda ultima os traballos de posta a punto da antiga Casa do Concello, edificio que albergará a nova biblioteca municipal e sala de estudos, cunha nova actuación centrada na reparación e mantemento da cuberta do inmoble.  

 O obxectivo destes traballos é garantir a correcta estanquidade da cuberta, previr posibles filtracións e mellorar a conservación do edificio de cara á súa futura posta en funcionamento como novo espazo municipal para a lectura e o estudo.  

 A actuación conta cun orzamento total de 44.236,55 euros, financiados parcialmente a través dun reinvestimento de baixa da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, cunha achega de 23.262,08 euros; correspondendo o importe restante, 20.974,47 euros, a fondos propios do Concello da Guarda.  

 Os traballos inclúen a desmontaxe das tellas para proceder á súa limpeza e posterior reposición, así como a substitución daquelas que presentan danos. Tamén se está a realizar unha revisión dos puntos de encontro e unión da cuberta, nos que se están a reparar e renovar os sistemas de impermeabilización para evitar posibles filtracións de auga.  

 Ademais, a actuación complétase coa limpeza e revisión dos caleiros e baixantes, así como coa aplicación dun tratamento protector que permitirá reducir a acumulación e absorción de humidade e sucidade.  

 Esta actuación dá continuidade aos traballos realizados nos últimos meses para a transformación integral da antiga Casa do Concello na nova biblioteca municipal e sala de estudos, permitindo avanzar na fase final de adecuación do inmoble.  

 O Concello da Guarda avanza así na fase final da recuperación e adecuación da antiga Casa do Concello para convertela nun novo espazo municipal dedicado á cultura, á formación, ao estudo e á lectura, ampliando así os recursos e servizos públicos a disposición da veciñanza guardesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario