18 de set. de 2026

A GUARDA

De novo en Sestás para volver lembrar aos 49 republicanos asasinados en 1938 

•  Catro décadas despois da inauguración do monumento, a Foxa Común de Sestás volveu converterse nun lugar de memoria, dignificación e compromiso coa democracia




Un ano máis, o Sindicato de Pensionistas e Xubilados de Comisións Obreiras de Vigo e de Galicia promoveu o acto de homenaxe
Fotos: Santiago Baz Lomba

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 A Foxa Común de Sestás, na Guarda, volveu ser na tarde do 17 de setembro un lugar de encontro coa memoria. Alí, ao carón do cemiterio civil e do camposanto parroquial, descansan os restos mortais de 49 homes republicanos asasinados en 1938 por elementos franquistas. Alí, como era desexo de Xoán Noya Gil, a memoria daqueles homes continúa sendo unha cita de peregrinación cívica.  

 Un ano máis, o Sindicato de Pensionistas e Xubilados de Comisións Obreiras de Vigo e de Galicia promoveu o acto de homenaxe, que reuniu membros do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia e da Unión Comarcal de CC.OO. de Vigo, unha destacada representación dos Pensionistas de CC.OO., así como integrantes da Executiva de CC.OO. d'Asturies. Veciñas e veciños da Guarda e doutras localidades da contorna sumáronse tamén a unha xornada na que o recordo dos asasinados se converteu, unha vez máis, nunha reivindicación da memoria democrática.

 Aquel lugar fala por si mesmo. Contra o muro do cemiterio de Sestás foron fusilados 31 homes o 2 de xullo de 1938. Outros 18 serían asasinados o 20 de xullo dese mesmo ano. En total, 49 vidas truncadas pola represión franquista.  

 Durante unha das intervencións lembrouse que o único «delicto» daqueles homes foi defender a legalidade democrática e enfrontarse aos golpistas. Homes con nomes, familias, lugares de procedencia, proxectos e vidas que a violencia franquista quixo interromper e o silencio posterior pretendeu borrar.

 Este ano a homenaxe tiña, ademais, unha significación especial. O pasado mes de agosto cumpríronse corenta anos da inauguración do monumento levantado en 1986 por subscrición popular. A iniciativa contou coa colaboración de numerosas persoas da comarca e tamén doutros lugares, entre eles Vigo e Asturias. Foi, como se salientou no acto, o esforzo colectivo de «xente de ben» que quixo erguer un espazo para dignificar as vítimas e preservar a súa memoria.  

 Desde aquela, durante catro décadas, esta cita anual mantívose viva. Moitas das persoas que participaron nas primeiras homenaxes xa non poden regresar a Sestás. O tempo é implacable, pero non conseguiu borrar o recordo da barbarie cometida neste lugar.

A memoria, como se subliñou durante o acto, ten que perdurar. E vai perdurar.  

 Unha das probas desa continuidade está na implicación das novas xeracións. A mocidade da comarca coñece cada vez máis o sucedido e participa na tarefa de conservar a memoria democrática. Como exemplo desa renovación xeracional, presentouse a intervención de Marcos Diego Santiago, novo presidente da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e da Foxa Común de Sestás. 

 Santiago destacou a importancia de coñecer o pasado máis próximo:

 «Coñecer o que pasou aquí, na zona onde vivimos, na zona onde saímos á rúa todos os días, fai anos, é clave para ser, diría, máis humanos».

 Na súa intervención puxo tamén en valor o papel das asociacións veciñais e da sociedade civil na recuperación dunha memoria que durante moito tempo permaneceu esquecida. «Que a xente fale, que a xente saiba que había unha memoria esquecida», sinalou, considerando esta tarefa unha cuestión de «enorme importancia».

Unha memoria que interpela o presente  

 A continuación tomou a palabra unha representante do Goberno do Principado de Asturias, que agradeceu a Comisions ObreIras de Vigo, Comisions ObreIras de Galicia, á Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e da Foxa Común de Sestás e aos Pensionistas de CC.OO. d'Asturies a organización e participación nesta xornada.  

 A súa intervención situou Sestás non só como un espazo de lembranza do pasado, senón como un Lugar de Memoria capaz de interpelar a sociedade actual.

 «Hoxe estamos en Sestás, nunha foxa, ante un Lugar de Memoria», afirmou. Un lugar que, segundo explicou, «nos fala do que ocorreu cando o fascismo decidiu que as ideas podían pagarse coa vida e que defender a liberdade podía converterse nunha condena a morte».  

 A intervención puxo rostro humano ás vítimas: homes que tiñan nomes, familias, pobos, soños e proxectos de vida, pero que tamén compartían a defensa da República, das liberdades, da democracia e dos dereitos das persoas.

 A ditadura, lembrou, intentou borrar os seus nomes, convertelos en silencio e conseguir que as familias agachasen a cabeza e que as xeracións posteriores esquecesen quen eran e por que morreran. «Pero non o conseguiron», afirmou.  

 Porque lembrar Sestás non significa unicamente mirar cara atrás.  

 «Recordarlles é preguntarnos que facemos nós coa liberdade que eles construíron e que eles non puideron desfrutar», sinalouse durante a intervención.

 A democracia, engadiu, non é algo que se poida considerar definitivamente conquistado, senón que require unha defensa cotiá. Unha defensa que pasa pola igualdade, polos dereitos das mulleres, pola protección das persoas migrantes fronte ao racismo, polos servizos públicos e polo respecto a quen pensa, ama ou vive de maneira diferente.  

 Tamén pola denuncia de calquera intento de «branquear» a ditadura franquista e pola defensa dos dereitos humanos.  

 «Non podemos permitir que a memoria se converta nunha cerimonia baleira», proclamouse. A memoria, sostívose, ten que converterse nun compromiso co presente.

 Os homes soterrados en Sestás xa non poden falar. «Correspóndenos a nós facelo por eles», afirmou. Tampouco poden defender os seus dereitos: «correspóndenos a nós defendelos. Os seus e os nosos».  

 A intervención rematou cunha reivindicación dos valores republicanos —liberdade, igualdade, xustiza, solidariedade e democracia— e cunha chamada a manter viva a cultura democrática fronte a calquera forma de autoritarismo.

 «Que os seus nomes non sexan soamente memoria. Que sexan exemplo. Que sexan compromiso. E que sexan futuro».  

 E, finalmente: «Saúde e República!»  

O deber de lembrar

 As intervencións posteriores insistiron nunha mesma idea: lembrar aquelas persoas que deron a súa vida pola liberdade é un deber colectivo, pero tamén o é asumir que a defensa da democracia e das liberdades corresponde ás xeracións actuais.  

 O acto de homenaxe concluíu coa interpretación de A Internacional polo coro Cantos de Liberdade, do colectivo de xubilados de CC.OO. de Vigo. As voces do coro puxeron música a unha xornada marcada polo recordo, a dignificación das vítimas e a vontade de transmitir ás novas xeracións unha memoria que durante tantos anos permaneceu agochada.

 Pero a xornada non rematou en Sestás.  

Historia e memoria na Casa de Montes de Camposancos  

 Posteriormente, na Casa da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, desenvolveuse unha segunda parte da programación, dedicada á historia e á investigación.  

 O primeiro relatorio correu a cargo de Víctor M. Santidrián Arias, doutor en Historia Contemporánea, historiador especializado en memoria histórica e movemento obreiro e membro da Fundación 10 de Marzo. A súa conferencia, titulada Camposancos foi hoxe, achegou novas perspectivas sobre a historia do lugar e a súa significación na memoria colectiva.

 A continuación interveu Ramón García Piñeiro, doutor en Historia Contemporánea, historiador especializado no movemento obreiro, a minaría e a resistencia antifranquista e membro da Fundación Juan Muñiz Zapico. O seu relatorio, Camposancos na narrativa de José M. Castañón, afondou na presenza de Camposancos na obra e na narrativa deste escritor.  

 A xornada pechouse novamente coa música. O coro Cantos de Liberdade ofreceu unha actuación que serviu como broche final a un día de recordo e dignificación.

 Corenta anos despois da inauguración do monumento, Sestás segue sendo ese espazo que se quixo construír desde a sociedade civil para que o silencio non tivese a última palabra.  

 Alí están os 49 homes.  

 Alí están os seus nomes, a súa memoria e a historia dunha violencia que non debe ser esquecida.  

 E, cada ano, están tamén as persoas que acoden para lembrarlles.

 Porque, como se repetiu ao longo da xornada, a memoria democrática non é só lembranza do pasado: é tamén compromiso co presente e responsabilidade cara ao futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario