O Museo de Pontevedra e a Fundación Alexandre Bóveda depositarán cascas do piñeiro da Caeira diante do cadro de ‘A derradeira leición do mestre’
• O acto terá lugar este luns, 17 de agosto polo o Día da Galicia Mártir e será de memoria “viva”, porque non se limita a recordar o pasado, senón que interpela ao presente para construír un futuro máis xusto e democrático.
Infogauda/Pontevedra
O Museo de Pontevedra acollerá este luns, 17 de agosto un evento de valor simbólico sen precedentes na historia recente de Galicia. Organizado polo Museo de Pontevedra coa Fundación Alexandre Bóveda e coa participación da Fundación Castelao, o acto terá como eixe central o depósito e mostra pública das cascas do piñeiro da Caeira, fronte ao cadro de ‘A derradeira leición do mestre’. Un piñeiro fronte ao que foron fusilados Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Amancio Caamaño, José Adrio, Germán Adrio, Telmo Bernárdez, Paulo Novás, Ramiro Paz, Luis Poza, Benigno Rey e Juan Rico.
Estes fragmentos, recollidos e gardados pola viúva de Alexandre Bóveda, Amalia Álvarez, permaneceron na esfera privada como un obxecto de resistencia, dignidade e amor, e serán depositadas agora pola súa filla, Amalia Bóveda, nun acto no que estará acompañada polo vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez. O escenario elixido dota a esta cita dunha dimensión aínda máis excepcional: será a primeira vez que estes restos históricos sexan depositados e mostrados diante do cadro de Castelao ‘A derradeira leición do mestre’, que se expón actualmente e ata o vindeiro 27 de setembro no Museo de Pontevedra, pintado para render homenaxe aos mártires galegos. A obra de Castelao, inspirada no fusilamento do propio Bóveda e convertida no gran símbolo pictórico da memoria histórica galega, servirá de marco e testemuña visible para un xesto que une o pasado co presente, a arte coa dor e coa memoria viva.
A coincidencia no mesmo espazo do lenzo de Castelao e dos fragmentos reais da árbore supón un fito de trascendencia cultural e política. Trátase dun diálogo único entre a creación artística, o simbolismo e o obxecto físico que gardou a pegada da traxedia, hoxe reconvertida en reclamación constante dos valores democráticos e galeguistas, pois como dixo Alexandre Bóveda: "A miña morte servirá para acadar adeptos á causa galega. Un ben que aínda despois de morto, farei á nosa terra".

Ningún comentario:
Publicar un comentario