3 de ago. de 2026

A GUARDA

O Auditorio de San Bieito acollerá unha velada dedicada á música e ao folclore galego 

  O grupo folclórico Vento Mareiro e a gaiteira Nadia Vázquez, respectivamente, protagonizarán o evento organizado pola Comisión de Festas do Monte Santa Trega o vindeiro luns, 10 de agosto, ás 20:00 horas




Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 A Comisión de Festas do Monte Santa Trega organiza para o vindeiro luns, 10 de agosto, unha cita coa música tradicional galega no Auditorio de San Bieito. O evento, que dará comezo ás 20:00 horas, reunirá sobre o escenario ao grupo folclórico Vento Mareiro, da Guarda, e á gaiteira Nadia Vázquez, dúas propostas que representan a riqueza e a vitalidade da cultura musical galega.  

 A actuación forma parte da programación das festas do Monte Santa Trega e ofrecerá ao público unha oportunidade para gozar da música, o baile e as tradicións populares nun ambiente festivo e aberto á participación de veciñanza e visitantes.

 Vento Mareiro é unha das agrupacións folclóricas de referencia da Guarda, destacando polo seu labor na conservación e difusión da música e do baile tradicional galegos. Ao longo da súa traxectoria participou en numerosos festivais e encontros culturais, contribuíndo á transmisión do patrimonio inmaterial galego e á formación de novas xeracións de músicos e bailaríns.

 Pola súa banda, Nadia Vázquez consolidouse como unha das intérpretes máis destacadas da súa xeración. Natural da Guarda, desenvolveu unha brillante carreira como gaiteira tanto no ámbito da música tradicional galega como da musette barroca francesa, actuando en escenarios nacionais e internacionais e acadando importantes recoñecementos, entre eles o primeiro premio no Concurso Solista de Cornamusa do festival francés Le Son Continu.

 Desde a organización convidan á cidadanía a asistir a esta velada, que permitirá desfrutar do talento de artistas guardeses comprometidos coa promoción e difusión da cultura galega.  

 Esta actividade conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e do Concello da Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario