2 de ago. de 2026

A GUARDA

A Guarda reivindicará o patrimonio etnográfico cun desfile de traxes tradicionais galegos 

• O vindeiro mércores, 5 de agosto, ás 19.00 horas, desde a Alameda ata o Auditorio de San Bieito


Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda
Foto: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 A Asociación Recuperación Traxe Galego da Guarda celebrará o vindeiro mércores, 5 de agosto, un desfile de traxes tradicionais galegos co obxectivo de poñer en valor o patrimonio etnográfico e a riqueza da indumentaria popular de Galicia.  

 O desfile comezará ás 19.00 horas na Alameda e percorrerá as rúas da vila ata o Auditorio de San Bieito, onde se desenvolverá o I Concurso de Traxes Galegos. A xornada contará coa participación de varios grupos de música tradicional e será inaugurada pola Banda de Gaitas de Paramos, que abrirá o percorrido.

 A iniciativa quere converterse nun espazo de encontro para todas aquelas persoas que conservan, investigan e promoven o traxe tradicional galego. A organización anima á veciñanza da Guarda e da súa contorna a sumarse ao desfile vestindo os seus traxes, contribuíndo así a encher as rúas de historia, cultura e tradición.  

 O evento conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, do Concello da Guarda e da Comisión de Festas do Monte Santa Trega 2026, e nace coa finalidade de impulsar a conservación e difusión da indumentaria tradicional, especialmente entre as novas xeracións.

 A organización confía en que esta primeira edición do desfile e do concurso se consolide como unha cita de referencia dentro da programación estival guardesa, ofrecendo ao público unha oportunidade para descubrir a variedade e o valor patrimonial dos traxes tradicionais galegos nun ambiente festivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario