A XUNTA DE GALICIA PROMOVE A REHABILITACIÓN DE VIVENDAS DESTINADAS A PERSOAS TRABALLADORAS NO RURAL
• O delegado territorial destacou o impacto que terá esta liña de axudas na fixación de poboación nos concellos rurais
• A subvención contempla dúas liñas: unha destinada ás empresas ou ás persoas físicas e xurídicas que se comprometan con elas a destinar ás vivendas ás súas persoas traballadoras e outra aos concellos, en acordo tamén co tecido produtivo
Infogauda/Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, informou esta mañá da nova liña de axudas impulsada pola Xunta para fomentar a rehabilitación de vivendas destinadas a residencia habitual de persoas traballadoras, unha iniciativa que busca contribuír á recuperación de inmobles baleiros e de edificios inacabados ao tempo que favorece a fixación de poboación e a captación de talento no territorio.
Esta orde, promovida conxuntamente pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, está orientada a facilitar o acceso á vivenda ás persoas traballadoras, especialmente no rural, e a dar resposta ás necesidades de man de obra das empresas galegas.
A convocatoria conta con dúas liñas de axuda específicas. A primeira delas está dirixida ás empresas con centros de traballo en Galicia, así como ás persoas físicas e xurídicas que teñan acordos con estas empresas para destinar os inmobles rehabilitados ao aloxamento dos seus empregados. A segunda liña está destinada aos concellos que dispoñan de vivendas e decidan poñelas a disposición das empresas da súa contorna para facilitar o asentamento de traballadores.
No caso das vivendas unifamiliares, as axudas poderán acadar os 50.000 euros por inmoble, contía que se elevará ata os 75.000 euros cando o solicitante sexa un concello. Para a rehabilitación ou finalización de edificios inacabados, a subvención poderá chegar aos 30.000 euros por vivenda, cun límite máximo de 300.000 euros por inmoble.
Ademais, a convocatoria contempla un incentivo adicional de 1.000 euros para aquelas actuacións situadas en áreas Rexurbe ou de rehabilitación e renovación de cascos históricos, como é o caso dos municipios de Baiona e Tui na provincia de Pontevedra.
Entre as actuacións subvencionables inclúense as obras de rehabilitación, terminación ou ampliación de inmobles, así como aquelas destinadas a mellorar a accesibilidade, a habitabilidade ou a eficiencia enerxética das vivendas.
As axudas están dirixidas a inmobles situados en concellos de menos de 20.000 habitantes e localizados a menos de 15 quilómetros dun centro de traballo. Ademais, os beneficiarios deberán comprometerse a destinar estas vivendas a residencia habitual de persoas traballadoras durante un período mínimo de cinco anos, mentres que os prezos dos alugueiros estarán limitados segundo as zonas establecidas no programa Fogar Vivo.
No caso de que a relación laboral coa persoa ocupante da vivenda remate antes de cumprirse ese prazo de cinco anos, os beneficiarios disporán dun máximo de seis meses para destinar o inmoble a outro traballador. Neste proceso, terán prioridade as persoas participantes nos programas Retorna Cualifica Emprego e Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME).
O delegado territorial destacou que esta medida “permite actuar de maneira simultánea sobre dous dos grandes retos do territorio: facilitar o acceso á vivenda e favorecer a captación e permanencia de traballadores nos concellos do rural”, ao tempo que contribúe á recuperación do parque residencial existente e á dinamización económica e social dos municipios galegos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario