31 de xul. de 2026

PONTEVEDRA

O BNG reclama á Deputación completar a barreira de seguridade da EP-2403 no Porriño para protexer a motoristas e ciclistas   

Manuela Rodríguez advirte de que o valado actual é demasiado alto e non evita o risco de impacto contra os postes, polo que solicita unha segunda banda inferior 


A deputada Manuela Rodríguez, do grupo provincial do BNG na Deputación de Pontevedra
Foto: BNG

Infogauda/Pontevedra

 O BNG na Deputación de Pontevedra vén de solicitar ao goberno provincial que complete a barreira de seguridade instalada na estrada provincial EP-2403, entre Mosende e Morgadáns no Concello do Porriño, ao considerar que o valado actual resulta insuficiente para garantir a seguridade de todas as persoas usuarias da vía. A deputada provincial Manuela Rodríguez presentou un rogo con esta petición no Pleno de hoxe, reclamando que se dote a infraestrutura dunha maior protección e capacidade de contención, especialmente para motocicletas e bicicletas, no tramo que baixa de Vilas e Prado en Morgadáns en dirección á PO-341 (Vincios- Couso). 

 A nacionalista explica que a barreira metálica instalada responde ao modelo convencional empregado para evitar a saída dos vehículos da calzada, pero advirte de que a súa altura deixa desprotexidas as persoas que circulan en motocicleta ou bicicleta en caso de accidente. Apuntou que se unha persoa motorista ou ciclista cae e desliza pola estrada pode impactar directamente contra os postes metálicos da barreira, o que incrementa de maneira moi importante a gravidade das lesións, ou caer polo noiro existente. 

 Por este motivo, o BNG solicitou completar a instalación cunha segunda banda inferior continua, un sistema de protección especificamente deseñado para evitar o contacto coas estruturas metálicas da barreira en caso de caída. Esta solución, xa implantada en numerosas estradas -incluso noutras vías provinciais da provincia-, reduce de forma significativa as consecuencias dos accidentes e constitúe unha medida de seguridade amplamente recomendada. 

 Manuela Rodríguez lamenta que o valado executado pola Deputación non tivese en conta esta circunstancia desde o primeiro momento. "Non abonda con instalar un ‘quitamedos’ convencional; hai que pensar na seguridade de todas as persoas usuarias da estrada e adaptar as infraestruturas ás diferentes formas de mobilidade", afirma. O BNG considera que a incorporación desta protección complementaria suporía un investimento reducido fronte ao importante incremento da seguridade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario