23 de xuño de 2026

TOMIÑO

Galicia Suroeste activa o seu novo Club de produto para reforzar a identidade turística do territorio 

  O encontro celebrarase este venres nos viñedos Altos de Torona e servirá para dar a coñecer o funcionamento do Club, abrir o proceso de adhesión e favorecer novas colaboracións entre empresas do territorio.  

  Galicia Suroeste habilita unha aplicación web específica para que, as empresas participantes na xornada de networking podan xestionar a súa axenda e ter a información de asistentes en tempo real.  




Eva Gil/Tomiño

 A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste presentará este venres, 26 de xuño, o Club de produto Galicia Suroeste, unha nova ferramenta de cooperación territorial orientada a artellar unha oferta turística integrada, diferencial e vinculada á identidade produtiva local. O acto terá lugar a partir das 19:30 horas nos viñedos Altos de Torona. 

 O encontro permitirá dar a coñecer o resultado dun proceso de traballo participativo no que tomaron parte empresas e axentes do territorio, e co que se avanzou na definición do modelo de funcionamento, adhesión e gobernanza do Club. Tras esta fase de deseño, o Club de produto Galicia Suroeste inicia agora a súa andadura real coa apertura do proceso de captación de empresas interesadas en adherirse. 

 O acto servirá para presentar e explicar as principais claves do Club, o seu regulamento, as tipoloxías de empresas que poderán formar parte da iniciativa, os requisitos de pertenza e o procedemento que deberán seguir as entidades interesadas en solicitar a súa adhesión. O obxectivo é ofrecer ás empresas unha visión clara do funcionamento do Club e das oportunidades que pode xerar como instrumento de promoción, cooperación e dinamización turística. 

 A xornada non se concibe unicamente como unha presentación formal, senón tamén como un espazo para favorecer o contacto directo entre empresas do territorio. Por este motivo, a partir das 21:00 horas terá lugar unha acción de traballo en rede, nun formato próximo e informal, que permitirá ás persoas participantes manter reunións breves, identificar posibles sinerxías e explorar novas vías de colaboración empresarial. Para facilitar a organización destes encontros, habilitouse unha aplicación web específica desde a que as empresas poden confirmar a súa asistencia, consultar que outras entidades estarán presentes e xestionar a súa propia axenda de reunións bilaterais. As prazas están limitadas a 50 empresas e a inscrición pode realizarse a través da ligazón https://networking.galiciasuroeste.gal/. 

 O Club de produto Galicia Suroeste nace coa vontade de reforzar a conexión entre turismo, produción local, artesanía, paisaxe e identidade territorial, contribuíndo a consolidar un destino máis sostible, colaborativo e enraizado nos recursos propios. A iniciativa enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e liderado pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario