Tomiño sae á rúa este verán cun máis de 100 horas de lecer para todas as idades
• O Concello presenta unha programación con preto de 50 actividades de balde que encherán as prazas e os espazos públicos do municipio de xuño a setembro
Infogauda/Tomiño
Este verán, Tomiño non queda na casa. A cultura, a música e o lecer volven tomar as rúas para converter cada recuncho do municipio nun punto de encontro. O Concello xa ten lista unha ampla programación estival que inclúe case medio cento de actividades e preto de 100 horas de propostas culturais e de lecer pensadas para que veciñanza e visitantes poidan gozar dun verán dinámico, diverso e ao aire libre entre os meses de xuño e setembro.
A música volverá ser unha das grandes protagonistas da man de Son&Serán, un ciclo que consolida a aposta municipal por recuperar as prazas como espazos de convivencia e desfrute compartido. Ao longo do verán, unha decena de actuacións musicais levarán diferentes estilos e artistas aos espazos públicos do municipio, reforzando a idea dunha cultura accesible e próxima.
A esta programación súmase unha nova edición de Música&Románico, unha iniciativa xa plenamente consolidada entre a veciñanza que combina patrimonio e creación artística. As igrexas románicas tomiñesas volverán acoller actuacións de grupos e intérpretes de prestixio como KeiKos, Sara Ruiz e Rafael Muñoz, Medinukai Ensemble ou Rafael Yebra e Oswaldo Oro, poñendo en valor a riqueza histórica e arquitectónica do municipio a través da música.
A cativada contará tamén cun protagonismo especial grazas ao ciclo PequeVerán, que ofrecerá preto dunha decena de actividades nas prazas Pintor Antonio Fernández, en Goián, e da Mina, no Seixo. Contacontos, espectáculos familiares e propostas participativas conforman unha programación pensada para compartir en familia.
A oferta completarase con cinema ao aire libre, actividades turísticas, accións de voluntariado, propostas impulsadas pola OMIX de Tomiño e unha morea de iniciativas para todos os públicos. O #MocidadeTalentosa tomiñesa terá tamén o seu espazo con diferentes propostas escénicas e a proxección do filme realizado ao abeiro deste proxecto que busca dar voz á memoria do Miño a través da creatividade de mozas e mozos.
Entre as citas máis esperadas destaca o concerto de Ortiga, previsto para o 11 de xullo, cunha proposta que mestura pop "tropiatlántico", electrónica e música urbana, converténdose nunha das voces máis singulares da escena alternativa galega. A actuación, organizada en colaboración coa Deputación de Pontevedra, promete ser un dos grandes reclamos do verán.
Outra das actividades estrelas será o tradicional Concerto de Verán da Agrupación Musical de Goián, que nesta edición compartirá escenario con Astarot o vindeiro 28 de agosto.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que se trata “dunha programación ampla e diversa deseñada pensando en que todas as persoas, independentemente da súa idade ou intereses, poidan atopar actividades coas que gozar do verán sen saír do municipio. Queremos seguir facendo das rúas e das prazas espazos vivos, onde a cultura sexa un elemento de encontro e convivencia. Apostamos por unha oferta gratuíta, descentralizada e de calidade que dinamice o noso concello e contribúa a facer de Tomiño un lugar aínda máis atractivo para vivir e visitar”.
As axendas co programa completo xa están dispoñibles de forma dixital na web municipal e de forma física no Concello, nos mercados municipais e na maior parte dos establecementos comerciais do municipio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario