23 de xuño de 2026

OIA

Oia acollerá o seu primeiro Gran Premio de Pump Track, cita puntuable no Campionato Galego 

  O próximo domingo, 28 de xuño na pista municipal do Cabezo, na parroquia de Mougás

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, e Modesto Pereira Treinta, concelleiro de Deportes, cun representante da Asociación Sportkids, coorganizadora do I Gran Premio de Pump Track Concello de Oia, na presentación do evento
Foto:CO

Infogauda/Oia  

O Concello de Oia converterase o próximo 28 de xuño nun dos referentes do ciclismo galego coa celebración do seu I Gran Premio de Pump Track Concello de Oia, unha competición integrada no calendario oficial do Campionato Galego de Pump Track e que reunirá na pista municipal do Cabezo (Mougás) a algúns dos mellores especialistas desta disciplina. 

 A proba será a segunda puntuable do campionato autonómico desta tempada e espérase que conte con máis dun centenar de participantes de diversas categorías, consolidando a Oia como unha nova sede para unha modalidade deportiva que experimenta un notable crecemento nos últimos anos. Organizada por Sportkids e o Concello de Oia, a competición conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Augas de Mondariz. 

 Entre as persoas participantes xa confirmadas figuran tanto o actual campión de España como a campioa de España, o que garante un elevado nivel competitivo e ofrece ao público a oportunidade de ver en acción a algunhas das principais figuras desta especialidade a nivel nacional. 

 O pump track é unha modalidade integrada na Federación de Ciclismo que se desenvolve en circuítos con curvas peraltadas, lombas e obstáculos, nos que os deportistas deben completar o percorrido coa maior velocidade posible aproveitando a inercia da bicicleta e os movementos do corpo. 

Un espectáculo deportivo aberto ao público 

 A competición desenvolverase ao longo da tarde do domingo 28 de xuño. Os adestramentos oficiais terán lugar entre as 15.00 e as 16.30 horas, mentres que a manga clasificatoria comezará ás 17.00 horas. A gran final disputarase a partir das 18.30 horas. 

 Cada participante realizará dúas voltas cronometradas ao circuíto, computándose para a clasificación final o mellor dos dous tempos rexistrados. 

 As inscricións para participar na competición están abertas a través da Federación Galega de Ciclismo ata o próximo día 25 á 15.00 horas, mentres que a asistencia como público será libre e gratuíta. 

 A pista municipal de pump track do Cabezo, construída recentemente na parroquia de Mougás, converterase así no escenario dunha competición oficial que permitirá dar a coñecer tanto a instalación como unha disciplina deportiva que cada ano suma máis practicantes e seguidores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario