12 de xuño de 2026

MAR

Rueda recoñece o traballo de vangarda do CETMAR na súa estratexia de economía azul e cooperación internacional no seu 25 aniversario 

“Somos unha das referencias en Europa de facer as cousas ben, de vivir do mar, de que moita xente teña nel o seu medio de vida e de que se faga de xeito sostible e o CETMAR ten moita responsabilidade nisto”, asegura


O titular do Executivo galego participou en Vigo na reunión do Padroado da Fundación Centro Tecnolóxico do Mar
Foto: XG

Infogauda/Vigo

 O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe a traxectoria de excelencia e o liderado do Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR) que, ao longo de vinte e cinco anos, logrou consolidar a Galicia como un referente nacional e internacional na xestión sostible dos recursos e na vangarda da economía azul. “Somos unha das referencias en Europa de facer as cousas ben, de vivir do mar, de que moita xente teña nel o seu medio de vida e de que se faga de xeito sostible e o CETMAR ten moita responsabilidade nisto”, asegurou.  

 Durante a súa participación na reunión do Padroado e nos actos de conmemoración do aniversario da institución, onde estivo acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, o titular do Executivo galego quixo agradecer aos preto de 300 profesionais que pasaron por esta casa dende os seus inicios no ano 2001 e que fixeron posible levar a cabo 700 accións de impacto directo no sector –actualmente, conta con 52 proxectos científicos en plena execución–.  

 Así, quixo destacar “todos os proxectos que levou a cabo de investigación durante estes anos para mellorar a produción, a limpeza dos mares ou facer unha explotación dos nosos recursos de xeito sostible”.  

 Así mesmo, Rueda puxo en valor que o CETMAR fose quen de traspasar fronteiras, erixíndose hoxe en día como unha voz respectada en Bruxelas que inflúe de xeito activo nas políticas europeas. “Cando vou a Bruxelas, comprobo que é moi tido en conta polos responsables de pesca da Comisión, consúltano para moitas cousas e piden ditames...un prestixio que debemos difundir”, indicou.  

 Entre outros fitos, a Fundación forma parte do European Marine Board, participa na rede Nor-Water para a detección e mitigación de contaminantes emerxentes e preside o Grupo Técnico de Expertos en Datos para a Ordenación Espacial Mariña da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE).  

 Así mesmo, destacou a proxección global do centro, o único organismo galego que conta cun departamento especializado na cooperación ao desenvolvemento en pesca, marisqueo e acuicultura con intervencións en África e América Latina. Así, o CETMAR desenvolve varios proxectos internacionais co ánimo de mellorar a vida das comunidades pesqueiras de países como Mozambique, Honduras, El Salvador ou Namibia, entre outros.  “O CETMAR é o brazo executor da Xunta en lugares que ademais son especialmente interesantes para facer relacións comerciais, grazas aos traballos previos de cooperación e transformación de métodos de pesca moi artesanais e moi pouco rendibles en xeitos de actuar moito máis modernos”, explicou Rueda.  

‘LonxaLab’, abrir a ciencia á cidadanía 

 Alfonso Rueda tamén visitou esta mañá o espazo expositivo Lonxalab: Mares de innovación, posto en marcha pola Fundación CETMAR para explicar á veciñanza e escolares como a ciencia aplicada axuda a protexer o futuro do mar e as vilas costeiras.  

 Ao longo deste ano, o organismo desenvolverá un amplo programa de actividades institucionais, científicas e divulgativas para seguir conmemorando a efeméride.

Ningún comentario:

Publicar un comentario