BALONMÁN
O Guardés decidirá o seu futuro na Asemblea Ordinaria do próximo 1 de xullo
• O Club convocou aos seus socios e abonados a unha Asemblea Xeral Ordinaria o próximo 1 de xullo, ás 20.00 horas en primeira convocatoria e ás 20.30 horas en segunda convocatoria
• A noticia chega xusto despois dunha reunión informativa sobre a situación do Club, na que se confirmou a supervivencia económica para a próxima tempada: realizouse a inscrición na liga Guerreiras Iberdrola e as categorías base non perigan
• Con todo, o que máis urxe é a recomposición organizativa, pois se non aparecen entre 15 e 20 voluntarios para conformar unha nova xunta directiva antes da Asemblea, o Club valorará a súa disolución
O Club Balonmán Atlético Guardés convoca os seus socios e abonados para decidir o seu futuro. O próximo 1 de xullo, ás 20.00 horas en primeira convocatoria e con segunda chamada ás 20.30, a entidade baixomiñota celebrará unha Asemblea Xeral Ordinaria para valorar a delicada situación económica e organizativa que vive e adoptar unha resolución definitiva ao respecto.
A convocatoria chega apenas días despois dunha primeira reunión informativa aberta á afección en xeral, que este luns dirixiu o xa expresidente Jesús López para explicar os motivos da súa dimisión e detallar as dificultades económicas e organizativas que están a embazar as semanas posteriores á consecución dun histórico título europeo. Tras a saída de Mecalia como principal patrocinador, o Club debe buscar agora novos apoios para afrontar os gastos da tempada 2026/2027 e reducir significativamente un importante déficit orzamentario que leva anos arrastrando. A procura de iniciativa privada únese á irregularidade do financiamento institucional, que López confirmou que aumentaría a próxima campaña; pero dilatando aínda máis os prazos de emisión das axudas e obrigando, de novo, ao equipo para adiantar o diñeiro.
Con todo, alén dos problemas financeiros que a entidade xa está a traballar para paliar, a cuestión máis urxente ten que ver co seu organigrama. Un día despois do anuncio do cesamento de patrocinio da empresa guardesa, Jesús López anunciaba a súa dimisión inmediata como presidente da Xunta Xestora do Club, saída á que o pasado luns informou que se sumaba a doutro membro desta directiva. Así, a principal mensaxe trasladada foi a necesidade de constituír unha nova cúpula directiva, ampla e con forzas renovadas para sacar adiante o proxecto: polo menos, un grupo dunhas 15 ou 20 persoas que asuma a dirección do Club, coa asesoría e o apoio dos seus previos dirixentes, pero xa desde un segundo plano.
López destacou que este é o aspecto fundamental agora mesmo para a supervivencia do proxecto. No caso de que non apareza esta nova directiva antes da Asemblea, o Club valorará a súa disolución en termos que aínda se descoñecen, polo que é vital que a afección dea agora un paso adiante para garantir a continuidade do Guardés.
Polo demais, na reunión confirmouse que o equipo realizou a súa inscrición para a liga Guerreiras Iberdrola con normalidade e que non periga a actividade das categorías de base, pero nada diso está garantido se non existen voluntarios e voluntarias que queiran recoller a testemuña da última dirección.
Na próxima Asemblea Xeral Ordinaria trasladarase a resolución definitiva desta situación ante os socios, socias, abonados e abonadas do club miñoto. A orde do día é o seguinte:
1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
2. Informe económico e deportivo da tempada 2025/2026.
3. Orzamento económico para a tempada 2026/2027.
4. Situación económica e de organización interna actual.
5. Rogos e preguntas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario