A igrexa de San Bieito da Guarda celebrará a novena e a tradicional romaría de San Bieito "do vrán"
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
A igrexa de San Bieito da Guarda acollerá un ano máis a celebración de San Bieito "do vrán", unha das citas relixiosas con maior tradición na vila, que reunirá durante varios días a numerosos fieis e devotos.
Os actos comezarán coa novena, que se desenvolverá do 2 ao 10 de xullo no templo, que formou parte do antigo Convento da Transfiguración do Señor. De luns a sábado, o rosario e a novena darán comezo ás 18.30 horas, seguidos da celebración da misa ás 19.00 horas.
Como excepción, o domingo 5 de xullo os actos relixiosos celebraranse pola mañá, co rosario e a novena ás 9.00 horas e a eucaristía ás 9.30 horas.
A romaría terá lugar o sábado 11 de xullo. Durante a xornada celebraranse misas ás 8.30, 9.30 e 10.30 horas. O acto central da festividade será a misa solemne das 11.30 horas, e ao remate da mesma terá lugar a tradicional procesión na honra de San Bieito. Pola tarde, os actos concluirán cunha última misa ás 19.00 horas.
Tanto a novena como todas as celebracións litúrxicas da romaría desenvolveranse na igrexa de San Bieito, un templo de fonda tradición histórica e devocional que cada verán se converte no punto de encontro dos devotos do santo e dos numerosos romeiros que acoden a honrar a súa figura. Entre os costumes máis característicos desta celebración figura a ofrenda de exvotos de cera ao santo, unha tradición moi arraigada entre os devotos, que depositan figuras antropomorfas ou representacións de distintas partes do corpo, como cabezas, mans ou pés, en sinal de agradecemento por un favor recibido ou para pedir a súa intercesión. San Bieito é considerado tradicionalmente avogado das doenzas da pel, motivo polo que moitas persoas acoden á súa romaría para encomendarse á súa protección.

Ningún comentario:
Publicar un comentario