22 de xuño de 2026

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA PRESENTARÁ EN RIBADAVIA A XXXIV FESTA DA LAGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA 

O acto terá lugar este xoves, 25 de xuño, na praza da Magdalena de Ribadavia ás 12:00 horas 


O alcalde da Guarda e outras autoridades, con representantes dos restaurantes que participan na Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira na presentación da edición precedente

Foto: CAG

Infogauda/A Guarda

 O Concello da Guarda presentará este xoves, 25 de xuño, a XXXIV edición da Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira, na praza da Magdalena da vila de Ribadavia, nun acto institucional que busca achegar esta celebración gastronómica a novos públicos e reforzar a promoción turística da Guarda. 

 A elección de Ribadavia como escenario desta presentación responde á vontade de impulsar a difusión da festa tamén no interior de Galicia, fortalecendo os vínculos entre o litoral e o interior e contribuíndo a dar a coñecer a riqueza mariñeira da Guarda a visitantes e residentes dunha contorna cun importante atractivo cultural e patrimonial. 

 Cómpre lembrar ademais que Ribadavia é o berce da Denominación de Orixe Ribeiro, unha das zonas vitivinícolas máis emblemáticas de Galicia, polo que esta presentación cobra un sentido engadido ao poñer en valor dous produtos de excelencia e longa tradición no noso territorio: o viño do Ribeiro e a gastronomía mariñeira da Guarda, que atopan unha maridaxe natural e perfecta. 

 Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, esta cita converte cada verán o porto da Guarda nun gran escaparate da excelencia gastronómica local. Miles de persoas achéganse á vila para descubrir os sabores nacidos da súa estreita relación co océano, cun protagonismo especial para a lagosta, produto emblemático e símbolo do pasado ligado ás antigas cetarias que lle valeron á Guarda o recoñecemento de “Capital da Lagosta”. 

 As persoas visitantes poderán gozar, ademais da lagosta enteira, dunha ampla variedade de produtos do mar como percebes, nécoras, camaróns, cigalas, berberechos, navallas ou zamburiñas, así como de elaboracións tradicionais e creativas: empanadas, polbo á feira, mexillóns en distintas preparacións, paella mariñeira ou receitas innovadoras como brochetas de lagostino con rape e verduras. A oferta complétase con doces típicos como rosca de xema, filloas recheas ou tortas tradicionais. 

 Nesta edición participarán catro restaurantes locais: O Roxo, O Cangrexal, Xeito e Casa Olga, que ofrecerán pratos elaborados a partir dos mellores produtos do mar, combinando tradición e innovación gastronómica especialmente pensada para esta 34ª edición. 

 Xunto á oferta culinaria, a festa contará cunha ampla programación musical e cultural que converterá a celebración nun encontro único de gastronomía, tradición e identidade mariñeira. 

 A XXXIV Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira celebrarase os días 3, 4 e 5 de xullo no porto da Guarda. Tras o éxito das edicións anteriores, manterase o horario de inicio ás 12:00 horas do venres, así como a instalación dunha carpa de 1.200 m² para garantir a comodidade das persoas asistentes durante a degustación. 

 No acto de presentación intervirán o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e o alcalde do concello anfitrión, César Manuel Fernández Gil. Tamén participarán a concelleira de Turismo de Ribadavia, Yolanda Gómez Gómez; o tenente de alcaldía da Guarda, Óscar Alonso Álvarez; a técnica de Turismo do Concello da Guarda, Rosalía Verde Pérez; así como representantes dos restaurantes participantes, que ofrecerán unha degustación dos produtos e pratos da festa

Ningún comentario:

Publicar un comentario