21 de maio de 2026

TOMIÑO

Tomiño, entre os sete concellos españois elixidos por UNICEF para compartir experiencias en políticas de infancia  

  O Concello participou no VII Congreso de Cidades Amigas da Infancia nun encontro internacional no que tamén participaron sete municipios lusos  


Tomiño participou en Madrid no VII Congreso de Cidades Amigas da Infancia organizado por UNICEF
Foto: CT

Infogauda/Tomiño 

 Tomiño participou en Madrid no VII Congreso de Cidades Amigas da Infancia organizado por UNICEF, onde foi un dos sete concellos españois seleccionados para formar parte dun encontro de intercambio con outros sete municipios portugueses co obxectivo de afianzar experiencias e crear redes de colaboración arredor das políticas locais de infancia e adolescencia. 

 Neste foro internacional participaron representantes institucionais doutros municipios de referencia como Avilés, Alcoi, Bilbao, Vilanova de Famalicão ou Pombal, entre outros, nun espazo pensado para compartir proxectos, retos e iniciativas vinculadas á protección, participación e benestar da infancia desde o ámbito local. 

 A alcaldesa, Sandra González, destacou a importancia de que o municipio formase parte deste grupo reducido de concellos seleccionados. “Sempre é un luxo poder aprender doutras experiencias e tamén achegar a nosa visión e o traballo que facemos desde Tomiño. Volvemos con novas ideas, aprendizaxes e moita ilusión para seguir construíndo un concello mellor para a nosa infancia e mocidade”, sinalou. 

 Baixo o lema “Equidad para la infancia en lo local: respuestas desde los municipios”, o congreso reuniu durante varios días a profesionais, responsables institucionais e entidades vinculadas ao ámbito da infancia para reflexionar sobre desafíos comúns como a participación infantil, a inclusión social ou a pobreza infantil, unha realidade que afecta a un de cada tres nenos e nenas no Estado español. 

 A presenza de Tomiño neste encontro reforza a traxectoria do Concello no impulso de políticas públicas centradas na infancia, un compromiso recoñecido coa renovación en outubro de 2024 do selo de Cidade Amiga da Infancia, unha distinción que o municipio obtivo por primeira vez no ano 2017, sendo ademais un dos primeiros concellos galegos en acadala. 

 “En Tomiño temos claro que a infancia non é só o futuro, é tamén presente. Por iso seguimos apostando por políticas que escoiten, impliquen e dean voz aos nenos, nenas e adolescentes”, engadiu a alcaldesa. Neste proceso, o Concello pon en valor o papel do Consello da Infancia e Adolescencia, ‘Voces Novas’, órgano participativo que leva anos colaborando co Goberno municipal na definición de propostas e accións pensadas desde a mirada da mocidade. 

 Con esta participación no congreso estatal, Tomiño continúa fortalecendo a súa rede de colaboracións e aprendizaxe, consolidando un modelo de municipio que sitúa ás persoas máis novas no centro das políticas públicas e da vida comunitaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario