21 de maio de 2026

GALIZA

O persoal do comercio volverá á folga este sábado contra os recortes de ARTE 

Tamén haberá mobilizacións na Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo

 

As persoas traballadoras do comercio volverán á folga este sábado 23 de maio 
Foto: CIG

Infogauda/Galiza

 As persoas traballadoras do comercio volverán á folga este sábado 23 de maio para rexeitar as pretensión das grandes empresas do téxtil e do calzado de impoñer un convenio estatal que empeora as condicións laborais e salariais, así como para reclamarlle ás diferentes patronais provinciais que senten negociar un cordo interprofesional galego que blinde a prioridade aplicativa dos convenios provinciais.  

 Esta nova convocatoria fai parte da intensa campaña de mobilizacións que está a desenvolver o sector contra o convenio estatal ARTE (Asociación Retail Textil de España), a través do que a gran patronal busca recortar dereitos e centralizar as relacións laborais, e para rexeitar o preacordo asinado o 23 de marzo pola asociación ARTE (que agrupa ás grandes multinacionais como Inditex, H&M, Mango, Primark ou Tendam) e os sindicatos CCOO e Fetico. 

 Para darlle máis visibilidade ás súas demandas, ademais de secundar a folga, as traballadoras e traballadores realizarán o sábado 23 as seguintes mobilizacións: 

A Coruña: ás 12:00h, manifestación dende a praza de Lugo ao CC Catro Camiños. 

Compostela: ás 11.00h, concentración no CC As Cancelas e despois manifestación até a praza de Galiza e praza Roxa.  

Ferrol: ás 12:00h, manifestación dende a entrada principal do CC Odeón.  

Lugo: ás 12:00h, concentración diante do C.C. As Termas. 

Ourense: ás 11:00h, manifestación do edificio sindical até Zara da rúa do Paseo. 

Vigo: ás 11:30h, manifestación dende o cruce da Gran Vía coa baixada ao Castaño até o CC Vialia. As traballadoras de Pontevedra tamén participarán desta mobilización. 

 Este paro precede ás reunións da mesa de ARTE previstas para os para os días 27 e 28 de maio e o 2 de xuño en Madrid, nas que, previsibelmente, se pretenda finiquitar a negociación do convenio estatal. Neste contexto, xa está convocada unha mobilización nacional na Coruña para o 27 de maio, ás 12:00h, diante da sede da CEC (praza de Luís Seoane) para instar a patronal a asinar un acordo interprofesinal galego que garanta a prioridade de aplicación dos convenios provinciais fronte a ARTE.  

 Precisamente, a patronal coruñesa é unha das máis reticentes a avanzar neste marco de ámbito autonómico, negándose incluso a constituír a mesa de negociación do convenio de comercio vario da Coruña que caducou en decembro e que cómpre renovar.    

 Nestes meses, as traballadoras teñen dado unha lección de forza obreira, demostrando que o sector está organizado e unido e que non vai tolerar que se recorten os dereitos laborais, salariais e sociais conquistados a través de duras loitas nos convenios provinciais, para que as grandes compañías engorden máis os seus avultados beneficios a conta de precarizar as traballadoras as tendas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario