25 de maio de 2026

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda puxo broche de ouro ao ciclo “Música nas Parroquias!”

 Na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos


Vista da afluencia de público ao concerto que ofreceu a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, na Casa da Comunidade de Montes de Camposancos, como peche do ciclo “Música nas Parroquias!”, organizado polo Concello da Guarda 
Foto: José Fernando Martínez

Redacción/Camposancos

 O pasado sábado, 23 de maio, a Casa da Comunidade de Montes de Camposancos converteuse no escenario perfecto para poñer o broche de ouro ao ciclo “Música nas Parroquias!”, organizado polo Concello da Guarda en colaboración, nesta ocasión, coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos. A encargada de pechar este exitoso programa cultural foi a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, que dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta, ofreceu unha actuación maxistral moi celebrada polo numeroso público asistente.  

 Baixo unha atmosfera cálida e entregada, a formación guardesa demostrou unha vez máis a súa calidade interpretativa cun repertorio amplo e variado, pensado para chegar a todos os públicos. O concerto percorreu diferentes estilos e sensibilidades musicais, desde as tradicionais muiñeiras e jotas ata pasodobres de gran forza e viveza, sen esquecer melodías populares do mítico grupo ABBA - formación sueca de música pop, integrado por Agnetha Fältskog, Björn Ulvaeus, Benny Andersson e Anni-Frid «Frida» Lyngstad -, que espertaron a complicidade e os aplausos dos asistentes.  

 A banda tamén tivo espazo para render homenaxe a destacados compositores vinculados á música galega e guardesa, interpretando pezas de Rogelio Groba Otero e, como non podía ser doutro xeito, do grandísimo músico guardés José Luis Lorenzo Rodríguez, moi querido e admirado pola veciñanza.  

 Cada interpretación foi recibida con entusiasmo por un público entregado que acompañou o concerto con constantes e calorosos aplausos, recoñecendo así o gran nivel artístico dunha actuación que deixou un magnífico sabor de boca e puxo o mellor final posible a esta edición de “Música nas Parroquias!”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario