CAMPOSANCOS APROBA POR UNANIMIDADE INSTAR AO CONCELLO A INCLUÍR AS SÚAS ESTRADA NO PLAN VÍA DEPO.
• A Entidade Local Menor aproba unha proposta do BNG para reparar con fondos provinciais os danos causados polos temporais en cinco zonas críticas da parroquia.
Infogauda / Camposancos
O Pleno da Entidade Local Menor de Camposancos aprobou por unanimidade a proposta do BNG, para que o Concello da Guarda incorpore diversas actuacións urxentes na parroquia dentro da solicitude do novo Plan Vía Depo da Deputación de Pontevedra. “A iniciativa xorde como resposta á inacción do Concello ante as constantes demandas enviadas pola Entidade ao goberno municipal, sen recibir un compromiso firme nin solucións”, indican desde o BNG.
Este novo programa provincial, dotado con 8 millóns de euros, está deseñado especificamente para concellos de menos de 50.000 habitantes. O seu obxectivo é financiar a mellora do trazado, o reforzo de firmes e a reparación de danos causados polos temporais invernais en vías de titularidade municipal.
Dende o BNG salientan que a rede viaria da parroquia ten padecido importantes desperfectos nos últimos meses. Segundo explicou Miguel Fernández, vogal do BNG, “témonos posto en contacto co concello en numerosas ocasións sen obter un compromiso firme. Non podemos permitir que estes fondos pasen de longo mentres as nosas rúas seguen a deteriorarse. A veciñanza leva meses reclamando uns arranxos que o Concello ten na súa man tramitar, pero que ata o de agora permaneceron ignorados”. Por iso, consideran que o Plan Vía Depo é a “ferramenta ideal” para acometer estas obras.
A proposta aprobada por todos os grupos insta ao goberno municipal da Guarda a incluír no seu proxecto as seguintes intervencións en Camposancos:
• Melloras na Baixada á Armona e Bouza da Fonte.
• Arranxos no Camiño da Cruz (1ª Transversal Saa).
• Actuacións dende a capela dos Xesuitas ata o contorno do lavadoiro.
• Melloras na 1ª transversal Salgueiró e na 2ª transversal Outeiro.
Coa aprobación desta moción, a Entidade Local traslada a responsabilidade ao Concello da Guarda para que desta vez, non deixe fóra a Camposancos desta repartición de fondos, clave para a seguridade e a conservación da súa rede viaria.

Ningún comentario:
Publicar un comentario