20 de abr. de 2026

A GUARDA

FRANCISCO FERREIRA GONZÁLEZ: MEMORIA DUN SÉCULO


Francisco Ferreira González celebrou seu centenario rodeado dunha representación de familiares seus
Fotos: Marco Ferreira
Francisco Ferreira con dous dos seus sobriños e varios extraballadores da empresa familiar 


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Tal día coma hoxe - 20 de abril -, fai 100 anos - que daquela cadrou en martes - naceu en Salcidos (A Guarda) Francisco Ferreira González. Por ese motivo, unha representación da súa familia e tamén de extraballadores da empresa familiar - Albino Ferreira Silva, nun comezo, e ao longo de moitos anos, e Afersi, S.L. varios anos despois -, así como o alcalde do Concello de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e a concelleira de Política Social, María Isabel Guisande Vila, veñen de compartir con Francisco o xúbilo da celebración do seu centenario. E a ocasión non é para menos porque ao longo dun século acontecen moitas cousas, e hai, obviamente, momentos fermosos e outros que non o son. 

 Por iso cumplir 100 anos de idade é un bo motivo para arroupar a unha persoa como Francisco, a quen coñecemos de preto desde fai máis de media centuria, e con quen tratamos a cotío ao longo de varias décadas.

 A Francisco lembrámolo como atento coidador da súa filla Mª Dolores (Loló), e tamén como unha das persoas cofundadoras da Asociación San Xerome Emiliani - constituída en 1977 - logo dun intenso traballo previo realizado por un grupo de seres humanos solidarios encabezado por José Luis Montes Fernández, sacerdote somasco.

 Lembramos tamén a Francisco como activo presidente da Comisión de Festas do Monte Santa Trega, a fronte da cal estivo uns tres anos, se a memoria non nos falla.

 Posteriormente participou na actividade política municipal e sendo alcaldesa de A Guarda, Purificación Álvarez Álvarez, foi concelleiro-delegado de Turismo, sendo nesa altura cando se puxo en marcha a organización da Festa do Roscón de Xema e a Festa da Lagosta, en cuxa primeira edición exerceu de pregoeiro o escritor, etnógrafo, poeta e xornalista Eliseo Alonso Rodríguez.

 Asemade nesa época tamén foi impulsada unha campaña de promoción turística de A Guarda, e mesmo foi convocado o Premio de Xornalismo Vila de A Guarda, cuxa primeira edición gañou este cronista, e na seguinte - e última polo de agora - Antón Ferreira Lorenzo.

 Tamén lembramos que co gallo da Festa da Lagosta, o Concello de A Guarda organizou durante varias edicións, un concurso para elexir o cartel oficial desa celebración gastronómica, da que en todas elas tivemos ocasión de ser membro do xurado presidido por Francisco Ferreira González.

 Por iso, e por outros moitos motivos máis, Francisco ten máis que merecida a distinción da Lagosta de Ouro que o Concello de A Guarda leva outorgado a diferentes personalidades con motivo da devandita celebración gastronómica que desde fai varias edicións vénse denominando Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira. Un evento que motiva que moitas persoas de diferentes procedencias se acheguen ata á nosa vila para gozar das diferentes propostas gastronómicas que nos brinda esa celebración e tamén para descansar no noso fermoso pobo.

 Poderíamos decir máis cousas respecto a Francisco Ferreira González, pero tampouco se trata de ser exhaustivos En todo caso, non queremos poñer o punto final sen antes referir que sempre foi - ao igual que seus irmáns varóns Martín e Félix - unha persoa moi traballadora e próxima, que co seu labor cotián daba exemplo, tendo como máxima a seguinte frase: "Traballo feito non corre présa".

 Parabéns Francisco. Ad multos annos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario