A Xunta de Galicia impulsa en Vigo a especialización en vaixelas cerámicas artesanais
• A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou as persoas participantes no curso sobre engobes de alta temperatura para a decoración de vaixelas, que imparte Ana Felipe ata este sábado 21 de marzo
Infogauda / Vigo
A Xunta de Galicia continúa coa súa aposta pola formación especializada para profesionais do sector artesán galego a través dun novo curso centrado na cerámica utilitaria para a gastronomía. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse a Vigo para comprobar o desenvolvemento do curso sobre engobes de alta temperatura para a decoración de vaixelas que imparte a ceramista Ana Felipe ata este sábado 21 no obradoiro de Carlos San Claudio, en Bembrive.
Nesta iniciativa participan 12 titulares de obradoiros de Artesanía de Galicia, especializados na cerámica, a maioría dos cales xa foron alumnos do curso sobre vidrados non tóxicos de alta temperatura para vaixelas, a cargo da mesma docente. O obxectivo neste caso é afondar na versatilidade dos engobes, na súa preparación, nas súas características, nas posibilidades de aplicación, nas vantaxes da decoración baixo cuberta para vaixelas (aplicación en húmido seco e biscoito) e nos vidrados de alta temperatura máis axeitados para estes acabados e coa finalidade utilitaria.
Esta formación está impartida por Ana Felipe Royo, artista plástica cunha dilatada traxectoria vinculada á cerámica e ao gravado, e que conta cunha ampla experiencia na investigación e na docencia. Ten traballado na recuperación dalgunhas técnicas decorativas cerámicas e investigado sobre as posibilidades e a aplicación para a plástica actual de técnicas como o “reflexo metálico” e vidrados de baldosas de tradición árabe, a cocción do Rakú, a decoración a pincel e os métodos de formulación e estudo doutros vidrados cerámicos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario