28 de mar. de 2026

O ROSAL

As avoas contan, O Rosal escoita   

Concello e 15 rapaces e rapazas voluntarias poñen en marcha ‘De avoas a netas: nomeando O Rosal’, unha iniciativa interxeracional coa que recuperar, reinterpretar, nomear e difundir a memoria colectiva do Rosal dende unha ollada contemporánea  


O proxecto presentouse ao público nun acto cheo de emoción e con grande acollida que contou coa presenza da rapazada e dalgunhas das persoas participantes na iniciativa

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

 Hai lembranzas que non se gardan nos libros, senón no corazón das persoas e nas pequenas cousas da vida diaria: un pisco, un muíño, o aroma do argazo. Para recuperar esas historias que foron alimentando a identidade do municipio ao longo das décadas naceu “De Avoas a Netas: Nomeando O Rosal”, un proxecto posto en marcha por 15 rapaces e rapazas voluntarias rosaleiras co apoio e colaboración do Concello, unha iniciativa interxeracional con mulleres e homes maiores rosaleiros como protagonistas que busca poñer en valor o patrimonio cultural, etnográfico e inmaterial do Rosal.  

 O proxecto presentouse ao público nun acto cheo de emoción e con grande acollida que contou coa presenza da rapazada e dalgunhas das persoas participantes na iniciativa, que compartiron as experiencias vividas ata o momento neste proxecto que leva percorrendo as parroquias rosaleiras con encontros e entrevistas dende principios de ano para recuperar, reinterpretar, nomear e difundir a memoria colectiva do Rosal dende unha ollada contemporánea. 

 “Cada historia das nosas avoas é un fío que tece a nosa identidade. Recuperar a súa memoria non é só lembrar o pasado, é construír un futuro con raíces fortes, onde a nosa xente e a nosa cultura sigan vivas nas novas xeracións”, recalcou durante o encontro a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 O proxecto, impulsado por mozos e mozas voluntarios de distintos ámbitos e disciplinas profesionais abrangue varios eixos para artellar as orixes das tradicións e da forma de vida rosaleiras. Por unha banda, as e os voluntarios están a realizar un traballo de recuperación histórica con entrevistas a 22 mulleres e homes e coa participación de máis de 30 persoas maiores entre testemuños directos e indirectos que poñen voz á historia e á forma de vivir no Rosal dende hai décadas. Ademais, a raíz destas entrevistas están a desenvolver vídeos e accións de dinamización en redes sociais e creando un dicionario lingüístico que recolle algunha das palabras propias do Rosal. Completan o proxecto iniciativas patrimoniais e artísticas, como a posta en marcha dun roteiro arredor do pisco que culminará cunha obra de teatro, así como un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para realizar un traballo de investigación relacionado co proxecto.  

 “Queremos que a veciñanza se sinta protagonista desta memoria compartida. Cada relato, cada sorriso ou anécdota, cada palabra ou imaxe, é un tesouro que nos conecta co que fomos e co que queremos ser”, engadiu a rexedora. 

 “De Avoas a Netas” é máis que un proxecto, é un abrazo interxeracional, un camiño para que as novas xeracións coñezan e coiden as raíces do Rosal, e un recordatorio de que a historia dunha comunidade constrúese cos pequenos actos de memoria, respecto e afecto cara ás persoas que nos precederon.

Ningún comentario:

Publicar un comentario