FÚTBOL
1ª Autonómica Grupo 6
O SPORTING GUARDÉS MEDIRASE CO RÁPIDO DE BOUZAS
• Este domingo, 29 de marzo, ás 17:00 horas, no Estadio Municipal A Sangriña
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Logo do agre sabor do resultado final (2-0) no encontro da xornada precedente, na Gándara (Gondomar), feudo do C.C.D. Chaín; o Sporting Guardés prepárase para o próximo encontro. Será este domingo, 29 de marzo, ás 17:00 horas, no Estadio Municipal A Sangriña, fronte o Rápido de Bouzas.
Malia o revés sufrido en terras miñoráns, o equipo que dirixe Antonio Rodríguez (Toñete), mantense a día de hoxe no chanzo 4º da táboa clasificatoria, con 54 puntos.
O conxunto visitante está situado no posto 7º da táboa, con 41 puntos.
Eses datos permiten augurar un encontro ameno para as respectivas afeccións, nunha tarde que no tocante a climatoloxía non será tan solleira como a deste sábado, máis en todo caso, permitirá gozar dun partido de fútbol da máxima rivalidade e poida que con momentos de brillantez deportiva.
Os obxectivos de cada equipo son gañar, obviamente, e dese xeito manterse na posición actual, no caso do Sporting Guardés - que a falla de 7 xornadas para que remate á liga, non ten perigo para manterse na categoría - e polo que atangue ao Rápido de Bouzas, aspirararán subir un chanzo.
Non hai dúbida que ambos os dous equipos saben ben cales son as súas tarefas: gañar.
Vai depender, en todo caso, do traballo que cada quen queira - e poida - levar a bó termo.
E ainda que sexa un factor non medible, unha vez máis, o apoio dos seareiros será fundamental para manter vivo o encontro, e cando o árbitro pite o remate do mesmo, que os puntos en xogo sexan para quen os traballou ao longo do tempo regulamentario.
Axenda dos diferentes equipos do Sporting Guardés para esta fin de semana


Ningún comentario:
Publicar un comentario