2 de feb. de 2026

VIGO

O comercio do metal da provincia de Pontevedra anuncia un calendario de mobilización en demanda dun convenio digno 

 O persoal, que hoxe decidiu en asemblea concentrarse diante dunha empresa do sector e organizar unha manifestación, baralla convocar folga 


A asemblea de persoas traballadoras do sector do comercio do metal da provincia de Pontevedra decidiu hoxe iniciar un calendario de mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 A asemblea de persoas traballadoras do sector do comercio do metal da provincia de Pontevedra decidiu hoxe iniciar un calendario de mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno ante as propostas regresivas da patronal. De xeito que fixaron para o vindeiro 17 de febreiro a celebración dunha concentración diante dunha empresa do sector en Pontevedra, tras a que celebrarán unha nova asemblea para organizar unha manifestación en Vigo e abordar unha posíbel convocatoria de folga. 

 Para esta mañá tiñan anunciado unha protesta ás portas do hotel Coia de Vigo ás 9:30 horas coincidindo coa xuntanza da mesa de negociación do convenio provincial do metal pontevedrés, na que participa ATRA, a organización patronal que tamén negocia o convenio do comercio do metal. Mais unha vez que o empresariado tivo coñecemento da convocatoria optou por suspender o encontro, polo que as centrais CIG, CCOO e UGT decidiron celebrar unha asemblea para promover novas medidas de presión.  

 Dende a central nacionalista censuran a actitude da patronal e consideran que se trata dunha estratexia para demorar a negociación no caso do convenio do metal e para intentar impedir a visibilización do conflito no caso do comercio do metal. 

 Durante a asemblea do persoal do comercio do metal abordouse o estado dunhas conversas para renovar o convenio que se prolongaron durante todo o ano 2025 e que non remataron en acordo polas pretensións da patronal de eliminar as condicións máis beneficiosas (acordos de empresa para pagar por enriba do convenio) e a cobertura do 100% en caso de baixa por incapacidade temporal dende o primeiro día. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario