28 de xan. de 2026

VIGO

A APERTURA DO CIS OLIMPIA VALENCIA FARASE RETIRANDO PERSOAL DOUTROS CENTROS DE SAÚDE DA CIDADE

 

A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área de Vigo denuncia que a posta en marcha do “Centro Integral de Saúde” Olimpia Valencia será unha nova estafa

Plataforma SOS Sanidade Pública da Área de Vigo

 A Plataforma SOS Sanidade Pública da Área de Vigo denuncia que a posta en marcha do “Centro Integral de Saúde” Olimpia Valencia será unha nova estafa, xa que non supón un aumento de infraestruturas nin diminución nos cupos de Atención Primaria (AP). 

 O conselleiro de Sanidade gabábase onte mesmo da apertura do centro, incidindo outra vez nun novo engano á cidadanía, xa que o concepto de Olimpia Valencia quedou reducido a un centro de saúde ao uso, sen radioloxía nin probas diagnósticas avanzadas que deben ter os centros integrais. 

 Nese sentido, temos que reiterar a denuncia da estafa política que supón o modelo que o Sergas impón para o Olimpia Valencia. Despois de prometer que a súa apertura suporía un reforzamento dunha AP sobrecargada a causa dos recortes e da falta de persoal, atopámonos cun novo centro que se vai abrir sen realizar case ningunha nova contratación, limitándose a trasladar persoal doutros centros de saúde xa existentes, enfraquecendo aínda máis a súa capacidade asistencial.  

 O que debería ser unha boa nova para a cidade de Vigo queda enturbada tamén polo peche do centro de saúde Nicolás Peña, que malia as promesas da anterior Consellería de Sanidade, en mans de Julio García Comesaña, negaban que a apertura do novo centro fose supor o seu fechamento. A dotación completarase mobilizando profesionais doutros centros de saúde, sen que isto supoña unha diminución da carga asistencial, senón un simple movemento de peóns. 

 Cómpre destacar o cambio de modelo da AP por parte da Xunta e do Partido Popular, no que apostan nun paso máis no deterioro e desmantelamento da Atención Primaria, centralizando a pediatría de Coia, Colmeiro e Nicolas Peña, en contra dos criterios de sociedades científicas, que defenden que a pediatría faga parte da AP. Este modelo afonda na ruptura de equipos de traballo e da continuidade asistencial e, así mesmo, atenta contra uns dos elementos angulares da calidade dos sistemas sanitarios como é a accesibilidade, dificultando o acceso da cidadanía á asistencia sanitaria, afastando a atención sanitaria dos domicilios das persoas. 

 Este modelo conta co rexeitamento das e dos profesionais da sanidade pública e da súa representación sindical, do pleno do Concello de Vigo -que esixiu xa o pasado mes de xullo a súa rectificación (sen o voto en contra de ningunha forza, incluído o propio PP)- e da cidadanía, como demostrou a masiva mobilización de SOS Sanidade Pública o pasado mes de decembro en Vigo. 

 En definitiva, a área sanitaria viguesa ten sido utilizada como banco de probas para o despregamento das peores e máis graves políticas de recortes e privatizacións. Padecemos a privatización estrutural da atención hospitalaria de máis de 100 mil persoas en Povisa e un novo Hospital Álvaro Cunqueiro recortado e tamén privatizado e que supuxo un sobrecuste de 470 millóns de euros. E agora asistimos ao intento da Xunta de experimentar en Vigo unha nova forma de precarizar a Atención Primaria co CIS Olimpia Valencia. 

 Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública animamos unha vez máis a cidadanía de Vigo a se rebelar contra as políticas de deterioro e privatización e a participar da manifestación nacional en defensa da sanidade pública este domingo 1 de febreiro dende a Alameda de Santiago de Compostela ás 12:00h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario