A Deputación participará desde este mércores nunha trintena de actos en Fitur para divulgar a oferta turística da provincia de Pontevedra
• O prato forte da participación do organismo provincial na Feira Internacional de Turismo de Madrid chegará o xoves ás 11:30 horas, coa presentación da campaña de promoción de Rías Baixas para o 2026: “A túa meta, o teu destino”
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra participará desde este mércores nunha trintena de actos en Fitur para divulgar a oferta turística da provincia. O presidente provincial Luis López, acompañado dos vicepresidentes Rafa Domínguez e Luisa Sánchez; o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, e outros membros do goberno da Deputación, presentará a campaña de promoción de Rías Baixas para o 2026, “A túa meta, o teu destino”, este xoves, 22 de xaneiro, ás 11:30 horas.
Este mércores, o presidente da Deputación participará nunha ducia de actos nos que a provincia de Pontevedra será protagonista. Trátanse de diferentes iniciativas centradas na calidade turística, o astroturismo, a potencialidade da provincia de Pontevedra como destino de rodaxes audiovisuais, o turismo responsable, o camiño cara Compostela, a catedral de Tui, Combarro e a Mancomunidade do Salnés.
O prato forte da participación da Deputación de Pontevedra en Fitur terá lugar o xoves a partir das 11:30 horas co lanzamento de “A túa meta, o teu destino”, unha campaña na que os 61 concellos da provincia se presentan como auténticos polideportivos e espazos para conectar, desconectar e reconectar. Trátase dun vídeo promocional que aposta pola desestacionalización, pola descentralización das visitas, pola riqueza natural do territorio, pola calidade e o turismo sustentable, que será presentado nun acto guiado pola actriz Marta Larralde e o presidente Luis López no espazo de Turismo de Galicia.
Ese mesmo día, o xoves, o presidente, vicepresidentes e outros membros do goberno provincial, participarán noutros 15 actos nos que a provincia de Pontevedra terá protagonismo. Trátanse de iniciativas relacionadas co turismo deportivo, cos sendeiros azuis, coa rede de cruceiros ibéricos fluviais tranfronteirizos, coas peregrinacións cara Compostela, coa ruta da Sidra da Estrada, coa centola do Grove, co turismo lento no Salnés e o xeodestino Condado-Paradanta. Ademais, tamén o xoves, a Deputación terá presenza no Encontro das Rexións Españolas de NECStouR e na Gala de entrega dos premios Q de Calidade e S de Sostibilidade Turística.

Ningún comentario:
Publicar un comentario