Samuel Diz e Jonatan Alvarado presentarán en concerto “El mal de l’Amor” o 13 de febreiro en Tui
• Ofrecerán un repertorio inédito de Gustavo Durán, que gravaron en Dartington Hall
Infogauda / Tui
O Teatro Municipal de Tui será escenario o venres, 13 de febreiro, ás 21.00 h, da presentación oficial en primicia do novo disco de Samuel Diz, nun concerto moi especial que contará coa participación do tenor Jonatan Alvarado. Será unha experiencia musical única, marcada pola intimidade, a emoción e a recuperación dun repertorio practicamente inédito. Esta mañá, no propio teatro, tivo lugar a presentación do concerto, que contou coa intervención da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, e do músico e investigador Samuel Diz.
Sonsoles Vicente destacou a importancia de que Tui acolla a estrea deste proxecto artístico sinalando que “é un día especial por poder presentar neste teatro o novo disco de Samuel Diz, acompañado por Jonatan Alvarado, dous músicos magníficos enriba do escenario. Vai ser un espectáculo digno de escoitar e de gozar”. A concelleira convidou á veciñanza a achegarse ao Teatro Municipal para descubrir a música de Gustavo Durán, compositor da Xeración do 27 aínda pouco coñecido polo gran público, pero de enorme valor artístico e histórico.
Pola súa banda, Samuel Diz, quen amosou a súa satisfacción por volver actuar no Teatro tudense, explicou que o proxecto, titulado El mal de l’amor, é froito de varios anos de investigación e recuperación musical. Trátase dun concerto en formato íntimo, para voz e guitarra, que afonda nos sentimentos e na obra de Gustavo Durán, compositor, diplomático e figura singular da cultura europea do século XX. O repertorio inspírase en melodías, ritmos e tradicións musicais recollidas por Durán ao longo das súas viaxes por España, América Latina e Europa, integrando influencias galegas, castelás, catalás, cubanas, arxentinas e andinas.
O concerto contará coa voz de Jonatan Alvarado, un dos tenores máis recoñecidos da actualidade, cunha traxectoria que tende pontes entre a música medieval e renacentista e as tradicións orais europeas e latinoamericanas. Xunto á guitarra de Samuel Diz, a proposta ofrece unha experiencia “espida”, directa e profundamente emotiva.
O disco El mal de l’amor foi gravado en abril de 2025 en Dartington Hall (Inglaterra), un espazo histórico cargado de simbolismo na vida de Gustavo Durán, e contou coa colaboración directa da súa familia, incluídas as súas fillas Lucy Durán, como produtora musical, e Jane Durán, poeta e tradutora dos textos das cancións. O traballo reflicte tamén a diversidade lingüística do compositor, con pezas en castelán antigo e actual, galego, portugués, brasileiro e linguas de tradición oral americana.
Samuel Diz subliñou que a recuperación deste patrimonio musical é tamén unha acción social e cultural afirmando que “compartir esta música é tender pontes entre a historia, a memoria e a sociedade actual, reivindicando valores como a diversidade, o diálogo entre culturas e a liberdade de identidade”.
O concerto do venres, 13 de febreiro, no Teatro Municipal de Tui preséntase así como unha oportunidade única para descubrir unha figura fundamental da cultura do século XX e para gozar dun espectáculo de grande beleza e profundidade artística. Será unha ocasión especial xa que as fillas de Gustavo Durán, Lucy e Jane Durán, estará en Tui para asistir ao evento musical.
As entradas están xa á venda en tui.gal aos prezos de 10€ e 7,5€.

Ningún comentario:
Publicar un comentario