A camelia protagonista da fin de semana en Tui
• O claustro da catedral acolle a XI Mostra que reunirá a 75 expositores
Infogauda / Tui
Este sábado, ás 12.45 horas, no claustro da catedral de Tui, inaugurarase a XI Mostra da Camelia Cidade de Tui organizada polo Concello de Tui e Amigos Tudenses da Camelia (ATUCA). Este evento reunirá 75 expositores de Galicia, Asturias e Portugal que presentarán distintas variedades e innovacións. Esta cita súmase tamén aos actos conmemorativos do 800 aniversario da consagración da catedral de Tui.
Serán 123 metros de exposicións nos que o público poderá admirar as distintas composicións creadas con mimo e enxeño para expor a flor da invernía. O horario de apertura ao público será mañá sábado de 16.45 a 20.30 horas e o domingo de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20 horas.
Mañá coincidindo coa inauguración actuará a Asociación do Traxe Tradicional de Tui, e na clausura, o domingo contarase coa Rondalla O Mosteiro, de Pexegueiro que ás 17.30 horas, iniciará un pasacalles dende a Corredoira. Dentro das actividades paralelas este sábado, ás 17.30 h no Espazo Sociocultural celebrarase unha charla-degustación de té.
A XI Mostra da Camelia Cidade de Tui será esta fin de semana unha cita imprescindible para os amantes desta flor e sendo un evento de referencia que pon en valor o patrimonio natural e cultural da cidade.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario