29 de xan. de 2026

PESCA

O BNG pide na Deputación que a frota artesanal galega quede excluída do Regulamento Europeo de Control da Pesca 

  E que sexa a Xunta quen exerza normas propias nas súas augas interiores 

 A deputada Beatriz Lomba reclama a eliminación de sancións retroactivas e unha revisión da Política Pesqueira Común para diferenciar claramente entre pesca artesanal e industrial 


Beatriz Lomba Rodríguez, deputada do BNG na Deputación de Pontevedra


Infogauda / Pontevedra

 O BNG provincial de Pontevedra vai defender no vindeiro Pleno da Deputación que debe ser a Xunta de Galicia, como administración con competencia exclusiva en materia das súas augas interiores, a que desenvolva e faga cumprir normas propias de control da pesca adaptadas á realidade da frota artesanal galega.  

 O grupo nacionalista fará esta proposta ao considerar que a frota do país queda desprotexida a pesares do acordo do 19 de xaneiro entre o Ministerio e o sector sobre o Regulamento Europeo de Control da Pesca. O Bloque subliña que ese pacto é “totalmente insuficiente” porque unicamente incluíu retoques e axustes temporais na normativa que non supoñen cambios de fondo -nin a exclusión da frota artesanal nin a súa aplicación-, cuestións que as nacionalistas consideran “fundamentais”.  

 Para o BNG, é prioritario que a Xunta de Galiza exerza e defenda as súas competencias exclusivas en materia de augas interiores, desenvolvendo normas propias de control adaptadas á realidade e singularidade da frota artesanal galega. A deputada Beatriz Lomba Rodríguez destaca que neste asunto o PP está a actuar de maneira enganosa, querendo aparentar unha defensa do sector pesqueiro galego “cando na realidade está a esnaquizalo”. 

 Namentres o goberno da Xunta non defende esas competencias, o Bloque considera urxente a exclusión da frota artesanal do ámbito de aplicación do Regulamento de Control da Pesca. Esixe a flexibilización e adaptación ás características específicas da frota artesanal do país das medidas que entraron en vigor o pasado 10 de xaneiro, cunha moratoria inmediata na súa aplicación para chegar a solucións realistas. 

 Entre as melloras esixidas como máis inmediatas destaca a implantación dun sistema simplificado de pesada para capturas de pequeno volume -recuperando o sistema vixente ata o de agora para capturas inferiores aos 50 quilos-, así como a redución da carga burocrática derivada do diario electrónico. “As normas vixentes non poden ser cumpridas por parte da nosa frota artesanal, que é singular e non pode seguir sendo discriminada”, advirte Lomba. 

 A máis, o BNG solicita ao Goberno do Estado a eliminación da retroactividade nas sancións asociadas ao Regulamento europeo, evitando que estas impidan o acceso ás axudas do FEMPA. 

 Por último, o grupo do Bloque proporá á Corporación provincial instar ás institucións competentes a incluír na vindeira revisión da Política Pesqueira Común da Unión Europea unha diferenciación clara entre pesca artesanal e pesca industrial, atendendo non só á eslora dos buques, senón tamén a criterios como a distancia aos caladoiros, a duración das mareas, o uso de artes sostíbeis ou o número máximo de tripulantes. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario