21 de xan. de 2026

O ROSAL

A veciñanza de San Xoán de Tabagón revive dous séculos de historia a través da memoria compartida   

 Máis de 400 fotografías dan forma á exposición ‘Memorias das festas de Tabagón’, unha actividade posta en marcha por Concello e Comisión de Festas para celebrar o bicentenario  




Infogauda / O Rosal

 San Xoán de Tabagón mantén viva as súas lembranzas grazas á súa veciñanza. Concello e Comisión de Festas celebran os 200 anos de historia da parroquia rosaleira cunha emotiva iniciativa colectiva que pon o foco na memoria, na tradición e na identidade compartida: a exposición fotográfica Memorias das festas de Tabagón. 

 A mostra, que se inaugurará este sábado, 24 de xaneiro, ás 11.30 horas na Casa Social da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xoán de Tabagón, reúne máis de 400 fotografías achegadas pola propia veciñanza, converténdose nun auténtico arquivo visual da festa da Saúde e San Brais. As imaxes percorren décadas de historia, desde os anos 40 ata a actualidade, con instantáneas que recollen momentos tan simbólicos como a elaboración e a subida do arco floral, as procesións, os festexos populares ou a vida arredor dunha das celebracións con máis arraigo do Rosal. 

 Entre as fotografías destacan auténticas xoias históricas, como unha imaxe de hai 100 anos correspondente a un aniversario da ‘erección’ do arco, así como outras moi recentes, tomadas hai apenas dúas semanas durante a preparación do arco deste ano, coa que se retoma unha tradición que levaba tempo sen realizarse. A exposición poderá visitarse os días 24, 25, 30 e 31 de xaneiro; e 1, 7 e 8 de febreiro, en horario de 10.00 a 20.00 horas. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “esta exposición é moito máis ca unha mostra fotográfica, é unha homenaxe ás persoas que fixeron posible que Tabagón chegase ata aquí con identidade, orgullo e tradición”. A rexedora destacou tamén que “celebrar o bicentenario recuperando símbolos como o arco floral e compartindo a memoria colectiva é unha maneira fermosa de conectar pasado, presente e futuro”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, puxo en valor o carácter interxeracional da iniciativa. “Esta actividade permite que a xente nova coñeza a historia da súa parroquia a través das imaxes e das vivencias das persoas maiores. É unha forma de transmitir valores, tradicións e sentimento de pertenza, garantindo que a cultura popular siga viva”. 

 Memorias das festas de Tabagón forma parte do programa de actividades do bicentenario da parroquia e conta tamén co agradecemento expreso do Concello á nova comisión de festas, polo seu impulso á recuperación da subida do arco floral, que este ano incorporará no seu círculo central o debuxo da igrexa como símbolo da parroquia. Un xesto cargado de significado que reforza a unión, a continuidade e a forza dunha comunidade que celebra 200 anos mirando con orgullo ao seu pasado e ilusión ao seu futuro. 

 Ademais, dentro das celebracións do bicentenario, o Concello designou o luns 2 de febreiro, día da Saúde e San Brais, como festivo local. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario