O Rosal quenta motores para un Entroido cheo de imaxinación e tradición
• O Concello abre ata o 30 de xaneiro o prazo de inscrición para o concurso de entroido tradicional, comparsa con ou sen carroza, grupos e disfraces individuais ou en parellas
Infogauda / O Rosal
As rúas do Rosal están a piques de converterse de novo nun escenario de fantasía, sátira e creatividade colectiva no que a tradición e o humor volverán ser protagonistas. O Concello acaba de abrir o prazo de inscrición para participar no concurso e no desfile do Entroido 2026, unha cita xa imprescindible no calendario festivo do municipio que se celebrará o domingo 15 de febreiro a partir das 11.00 horas.
Un ano máis, o desfile percorrerá a rúa Xulio Sesto desde a rotonda da Feira e a rúa Ramón Franco ata o cruce coa Lomba, enchendo de cor, música e animación o corazón da vila. Veciñanza, colectivos e asociacións están chamados a dar renda solta á súa creatividade e formar parte dunha festa que combina diversión, identidade cultural e participación comunitaria.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a sumarse a esta celebración. “O Entroido é unha das festas máis queridas e participativas do noso concello, na que sempre teñen cabida persoas de todas as idades. Queremos que todo o mundo se implique, que as rúas se enchan de alegría e que sigamos mantendo viva unha tradición que fala de quen somos como comunidade”, destaca.
As inscricións poderán realizarse ata o 30 de xaneiro no Rexistro do Concello, tanto de xeito presencial, en horario de 09.00 a 14.00 horas, como por vía telemática. O concurso contará con cinco categorías: entroido tradicional, orientada á recuperación das celebracións máis costumistas e satíricas do Entroido rosaleiro, con grupos dun mínimo de 9 compoñentes; comparsas con carroza, con grupos de polo menos 16 persoas acompañadas dunha estrutura móbil; comparsas sen carroza, tamén cun mínimo de 16 integrantes; grupos, de entre 3 e 15 persoas; e a categoría individual ou parella, que inclúe modalidades infantil ata 12 anos e xuvenil-adulto a partir dos 13.
Este ano, ademais, incentivarase a participación das comparsas con carroza do Baixo Miño e repartiranse máis de 3.500 euros en premios entre os tres primeiros postos de cada categoría, agás na modalidade individual ou parella, na que haberá primeiro e segundo premio. Para formalizar a inscrición será necesario achegar unha breve descrición do disfrace e a documentación correspondente segundo o caso. As persoas que non se inscriban dentro de prazo poderán participar no desfile, aínda que sen opción a premio.
O Rosal prepárase así para vivir unha xornada festiva na que a creatividade colectiva volverá ser a mellor carta de presentación dun Entroido que promete emoción, risa e moita ilusión compartida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario