Contos de antes e de agora con Marta Ortiz nos Venres Rebuldeiros
• Estará este venres 23 de xaneiro ás 18 h na biblioteca municipal do Rosal co seu espectáculo Tralará. Contos, obxectos e música
Infogauda / O Rosal
Os Venres Rebuldeiros arrancan no Rosal a ritmo de conto. A primeira cita do ano será coa narradora oral Marta Ortiz e o seu espectáculo Tralará. Contos, obxectos e música, unha proposta na que se entrelazan contos de antes e de agora, cantigas, refráns, xogos de palabras e obxectos, creando unha experiencia chea de movemento, ritmo e complicidade co público.
A cita, este venres 23 de xaneiro ás 18 h na biblioteca municipal, será a primeira este ano deste ciclo de actividades organizado polo Concello pensado para achegar a cultura, a literatura e o lecer creativo á cativada, convertendo a biblioteca municipal nun espazo vivo de encontro e participación.
Tralará é un espectáculo que bebe da tradición oral e dialoga coa actualidade, cun pé no pasado e outro no presente, xogando coa lingua, coa musicalidade das palabras e cos relatos versados. O ritmo nace do propio acto de contar, das muletillas, das rimas e dos contos que convidan a escoitar, participar e deixarse levar.
A actividade está dirixida a nenos e nenas de 1 a 8 anos, será de balde e contará con entrada libre ata completar aforo, consolidando os Venres Rebuldeiros como unha proposta cultural accesible e pensada para gozar en familia.
Con esta primeira sesión, O Rosal volve apostar por unha programación que fomenta o gusto pola lectura, a oralidade e a creatividade dende as idades máis temperás, facendo da palabra unha festa compartida.

Ningún comentario:
Publicar un comentario