O PSOE DO PORRIÑO DENUNCIA QUE O PP LEVOU A PLENO UN VIAL CUN EXPEDIENTE VICIADO E TRATO DE FAVOR
• Os socialistas advirten de indicios de falsidade documental e dunha tramitación privilexiada ao estar implicado o concelleiro de Vías e Obras.
Infogauda / O Porriño
O Grupo Municipal Socialista do Porriño denunciou que o Partido Popular levou a Pleno a legalización dun vial sustentada nun expediente que xa foi obxecto de polémica por incluír a firma dunha persoa falecida hai 13 anos e que, meses despois, confirma o que o PSOE viña advertindo: o interesado real era o propio concelleiro de Vías e Obras do goberno municipal.
Segundo explican os socialistas, o expediente incorporou inicialmente un documento rexistrado en 2025 coa firma dunha persoa falecida en 2011. Tras un requirimento de corrección, esa firma foi “rectificada” polo fillo do falecido, que ademais é concelleiro do Partido Popular e responsable da área de Vías e Obras, figurando agora como herdeiro e interesado directo no procedemento.
O portavoz do PSOE do Porriño, David Alonso, considera que os feitos son moi graves desde o punto de vista institucional e legal.
“Non estamos ante un erro administrativo menor. Estamos ante un expediente que chega a Pleno cunha firma imposible e que despois se corrixe coa firma do propio concelleiro afectado. Isto compromete seriamente a legalidade e a imparcialidade de todo o procedemento”, afirmou.
O PSOE tamén denuncia un trato de favor evidente nos prazos administrativos. O requirimento de corrección outorgaba un prazo legal de 10 días para achegar a documentación, pero a resposta foi rexistrada máis dun mes despois e aínda así aceptada e incorporada ao expediente.
“A calquera veciño do Porriño, se non cumpre os prazos, arquívaselle a solicitude. Neste caso non só non se arquivou, senón que se permitiu continuar porque o interesado era un membro do goberno municipal”, subliñou Alonso.
Para os socialistas, esta actuación vulnera os principios básicos de igualdade e legalidade que deben rexer a actuación dunha administración pública. Ademais, advirten de que existen indicios claros de falsidade en documento oficial, tipificada no artigo 390 do Código penal, así como dunha posible prevaricación administrativa e dunha posible usurpación de identidade se se demostra que se actuou a propósito da ilegalidade.
O Grupo Municipal Socialista votou en contra da legalización deste vial no Pleno celebrado, deixando constancia expresa de todas as irregularidades detectadas e advertindo das posibles responsabilidades administrativas e penais, tras comprobar que o concelleiro implicado posicionouse en lugar do falecido no expediente como interesado directo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario