22 de xan. de 2026

MADRID

Rueda inaugura en Madrid a primeira sede da Oficina Económica de Galicia fóra da comunidade autónoma 

 Destaca que este novo punto de atención prestará asesoramento ás empresas galegas que traballan en Madrid, e tamén servirá para captar novos investimentos 


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe en Madrid a primeira sede da Oficina Económica de Galicia
Foto: X.G.

Infogauda / Madrid

 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe en Madrid a primeira sede da Oficina Económica de Galicia que abre fóra da comunidade autónoma. Este novo punto de atención servirá tanto para prestar asesoramento ás empresas galegas que están radicadas na capital de España, como para captar novos investimentos.  

 Así o sinalou esta tarde durante a presentación deste novo servizo, acto no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Considerou que a súa apertura contribuirá á expansión económica e comercial da comunidade, dado o importante número de empresas de orixe galego que traballan en Madrid e o dinamismo dos axentes económicos da cidade.  

 A Oficina Económica de Galicia é un novo servizo que botou a andar en 2024 co obxectivo de simplificar e desburocratizar a atención a empresarios e emprendedores, concentrando nunha mesma canle de atención todos os recursos de diferentes consellerías e organismos da Xunta. Ademais, a través dela ofrécese asesoramento e orientación personalizada para garantir a boa marcha dos proxectos, tanto dos que botan a andar como dos que buscan ampliarse ou internacionalizarse.  

 A partir de agora, estes servizos prestaranse tamén na oficina de Madrid -situada nas dependencias da Casa de Galicia-, que ademais traballará para dar visibilidade ao potencial económico da comunidade autónoma. Neste sentido, Rueda fixo fincapé en que Galicia é un bo lugar para investir pola súa estabilidade política, por contar cunha administración autonómica que ofrece garantías á iniciativa privada e pola boa marcha da súa economía, coas cifras do paro en mínimos históricos e as exportacións batendo récords, entre outros datos positivos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario