BALONMÁN FEMININO
O Guardés non para e recibe ao Grafometal La Rioja
• O equipo baixomiñoto continúa coa Liga este mércores, 21 de xaneiro, e acollerá a décimo sexta xornada ante o Grafometal La Rioja en A Sangriña (20.30 horas)
• Ariana Portillo causa baixas por molestias nun xeonllo e as xuvenís María Español e Melina Rodríguez continúan na convocatoria
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés só para para coller impulso. As de Ana Seabra continúan co seu frenético calendario e, tras recibir a competición europea na Sangriña o sábado pasado, este mércores, 21 de xaneiro, volverán facer de anfitrioas para a súa próxima cita ligueira. Ás 20.30 horas, o pavillón guardés acollerá o partido de décimo sexta xornada ante o Grafometal La Rioja. Na convocatoria destaca a baixa de Ariana Portillo debido a molestias físicas e continúa o reforzo de María Español e Melina Rodríguez.
O Guardés chega coa consciencia de que o ritmo de competición non perdoa e que, a partir de agora, ningún reto será sinxelo. O sábado viviuno nas súas carnes ao ter que poñer todo no asador para impoñerse por tres goles a un Handball Erice que loitou ata o final (25-22), e a vitoria foi celebrada, pero co respecto que merece o saber que a derradeira palabra da eliminatoria europea teraa o Pala Cardella siciliano o vindeiro sábado. Namentres, toca cambiar o chip para afrontar unha cita e grao de importancia e dificultade tamén a considerar, pois a última incursión baixomiñota na Liga rematou en derrota, unha semana atrás en Granollers. Un resultado que contribuíu ao aperto dunha cabeza da clasificación na que o Rocasa Gran Canaria, terceiro, xa persegue a tan só un punto de distancia ás de Ana Seabra.
O obxectivo, como é de esperar, serán os dous puntos. Para iso, o equipo da Guarda mantén unha planificación semanal centrada en conducir esforzos. No partido do sábado foron numerosas as rotacións para dar o maior descanso posible a tódalas xogadoras, misión na que xogan un papel cada vez máis notable as xuvenís María Español e Melina Rodríguez, que tamén este mércores únense á convocatoria. O equipo baixomiñoto segue a ter que facer números para compensar unha lista de ausencias na que continúa a baixa de Nerea Gil, que será revisada esta semana, e á que se suma agora Ariana Portillo, quen xa non saíu do banco o sábado por molestias no xeonllo esquerdo. E coa viaxe a Italia prevista para a fin de semana, a chave deste duelo atoparase na mesma dirección, buscando o equilibrio preciso entre descanso e traballo arreo.
O Grafometal La Rioja, pola súa parte, chega á Sangriña coa esperanza de volver sumar. As de Luismi Ascorbe veñen inmersas nunha serie de tres derrotas consecutivas, unha delas moi acusada no Esperanza Lag de Elxe (31-14), que se suman a un balance xeral de seis triunfos e nove caídas que lle vale o décimo lugar da táboa.
O equipo rioxano fará todo o posible por obter puntos moi valiosos para saír dos postos de desempate, así como por obter o desquite da terceira xornada no Pazo de Deportes, cando o Guardés dominou sen problemas os 60 minutos da súa primeira cita da tempada (19-26 en setembro).
Ana Seabra: “Son outros dous puntos importantes que non queremos deixar escapar”
Para a adestradora do Guardés, Ana Seabra, o deste mércores é “outro partido de Liga no que non nos podemos relaxar”. O Grafometal, tal como o ve a técnica, “vén de varias derrotas, pero quere volver ter boas sensacións”, ademais de que é un rival que “medrou moito durante a primeira volta e coñecemos ben a súa calidade”. Seabra recalca unha das máximas da súa filosofía, que é que “non hai partidos doados na Liga”.
Polo demais, a preparadora do Mecalia enfoca o encontro coa mentalidade de sempre. “Estamos moi centradas no noso traballo e queremos estar moi concentradas para poder superar as dificultades que sabemos que xurdirán”, explica. O obxectivo, coma sempre, seguir sumando: “Son outros dous puntos importantes que non queremos deixar escapar”, conclúe a técnica.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 15
Mecalia Atlético Guardés – Grafometal La Rioja
Mércores, 21 de xaneiro | 20.30 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmisión en directo pola canle de YouTube do Club Balonmán Atlético Guardés:

Ningún comentario:
Publicar un comentario