A Deputación abre o mércores 21 de xaneiro a inscrición para participar no obradoiro “Pintar coa Luz. Colaxes Animadas” no Museo de Pontevedra
• A actividade está dirixida a persoas de calquera idade a partir de 8 anos e contará con dúas quendas, os sábados 7 e 21 de febreiro
Infogauda / Pontevedra
A Deputación organiza no Museo de Pontevedra en febreiro, dentro da súa programación de inverno, o obradoiro “Pintar coa Luz. Colaxes Animadas”, impartido por Montse Piñeiro. Está dirixido a persoas de calquera idade a partir de 8 anos, que explorarán a relación entre imaxe fixa e movemento a través da creación de pequenas pezas audiovisuais realizadas con técnicas analóxicas e dixitais.
Ofreceranse dúas quendas para realizar o obradoiro: o sábado 7 e o sábado 21 de febreiro, en ambos casos ás 12 h e cunha duración de dúas horas. Cada sesión contará con 12 prazas, que se adxudicarán por orde de solicitude a partir do mércores 21 de xaneiro ás 10:00 h, a través dun formulario dispoñible na web do Museo, museo.depo.gal.
O obradoiro parte da exposición “Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX”. A partir de copias das fotografías que conforman a exposición, as persoas participantes construirán novas narrativas visuais, recortando personaxes e espazos que transformarán mediante o debuxo e a composición manual. Unha vez deseñadas as nosas escenas, daranlles vida con pequenas animacións realizadas co teléfono móbil ou tableta, empregando a aplicación Stop Motion Studio. Finalmente, combinarán todas as animacións feitas polo grupo para elaborar unha pequena peza colectiva, experimentando coa mestura de imaxes en tempo real. Este proceso permitirá ao público participante achegarse ao mundo da animación experimental e do VJing, descubrindo novas maneiras de contar historias dende o xogo visual e a colaboración creativa.
O obradoiro impárteo Montse Piñeiro. É escenógrafa, iluminadora e artista plástica especializada na relación entre luz, corpo e escultura cerámica nas artes escénicas, o cinema en vivo e a instalación. Colaborou con institucións como o Centro Dramático Galego, Teatre Nacional de Catalunya, Festival Grec, Centro Cultural Conde Duque, Lieux Publics, CCCB, Europalia e Kunstencentrum BUDA, e traballou para compañías como Sarabela, Cris Blanco, Diego Anido e Ça Marche. No eido audiovisual destaca o seu traballo de cine en vivo co grupo Trilitrate, e colaboracións previas con músicos como Mateo Mena, Luz Prado ou Ensemble Galería. O seu traballo explora formatos expandidos de imaxe en movemento dirixida e os espazos intermedios entre a artesanía, o cinema e as artes vivas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario