Representantes do SERGAS visitan Avelaíña e recoñecen o seu labor como entidade de referencia en saúde mental no sur de Pontevedra
• Visitaron os tres Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL) que Avelaíña xestiona en Ponteareas, A Guarda e Baiona, así como o piso protexido
Natalia Guisande / A Guarda / Baiona / Ponteareas
Unha delegación da Dirección de Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde visitou hoxe as instalacións da Asociación Avelaíña para coñecer de primeira man o funcionamento dos seus recursos especializados en rehabilitación psicosocial.
A comitiva estivo integrada por Almudena Díaz Pereira, subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, e por Yolanda Triñanes, xefa do Servizo de atención a Saúde Mental e Integración psicosocial e Trastorno Mental grave do SERGAS.
As representantes do SERGAS visitaron os tres Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL) que Avelaíña xestiona en Ponteareas, A Guarda e Baiona, así como o piso protexido, un recurso esencial para promover a autonomía e a vida independente das persoas usuarias. A visita rematou no Centro de Baiona, onde supervisaron as obras realizadas grazas á concesión da subvención destinada ao desenvolvemento de programas de interese xeral no ámbito dos trastornos mentais graves que financia o SERGAS.
A visita supón un recoñecemento ao traballo de referencia que Avelaíña desenvolve no territorio, consolidado ao longo de máis de dúas décadas de coordinación co sistema público de saúde.
Durante a visita, a delegación do SERGAS amosou interese pola metodoloxía de intervención e pola coordinación cos dispositivos sanitarios da zona.
O xerente da entidade, Rafael Álvarez Martínez, destacou que “en Avelaíña traballamos por riba das exixencias do concerto para garantir unha atención comunitaria, centrada na persoa e de alta calidade. Para sostela, é necesario complementar o financiamento do SERGAS con outras fontes que permitan responder axeitadamente ás necesidades das persoas usuarias”.
Engadiu tamén que “a saúde mental comunitaria continúa a presentar importantes limitacións: escaseza de recursos, dispositivos saturados e dificultades nas derivacións e na coordinación. Todo isto condiciona o noso labor e evidencia a urxencia de reforzar os servizos públicos”.
Este encontro reforza o traballo conxunto entre o sistema sanitario público e o terceiro sector, clave para garantir unha atención integral en saúde mental.
Novo contrato co SERGAS, cofinanciado pola Unión Europea
O pasado 1 de xaneiro de 2026, Avelaíña formalizou un novo contrato co Servizo Galego de Saúde para a provisión de prazas nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral. O acordo, identificado co expediente AB-SER4-25-003, abrangue o lote 16 (Vigo Sur) e terá unha duración de dous anos, con opción de prórroga dun ano adicional.
O contrato está cofinanciado pola Unión Europea a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027, fortalecendo a continuidade e a calidade da atención psicosocial, así como o desenvolvemento de metodoloxías innovadoras e centradas na persoa.
A Asociación Avelaíña, un referente en Saúde mental
A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro con máis de 25 anos de traxectoria na promoción da saúde mental comunitaria no sur da provincia de Pontevedra. Desenvolve programas de rehabilitación, acompañamento, integración sociolaboral e sensibilización, contribuíndo á mellora da calidade de vida das persoas con trastorno mental e das súas familias.
.jpeg)
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario