A Xunta salienta a contribución que está a ter o crecemento do Camiño Portugués da Costa para a proxección internacional de Vigo
• A delegada da Xunta, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, fan balance dun “ano que rompe récords” para a cidade de Vigo con preto de 90.000 peregrinos, especialmente estadounidenses, e un incremento do 20%
Foto: X.G.
Infogauda / Vigo
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, fixeron este luns balance dun “ano que rompe todos os récords” do Camiño Portugués da Costa ao seu paso por Vigo. Segundo explicaron os representantes autonómicos, o itinerario costeiro entre Porto e Santiago de Compostela acadou os 89.440 peregrinos, un 20% máis que en 2024 (74.755 persoas), o que supón o 16,9% do total das rutas xacobeas ao seu paso por Galicia.
Durante a súa comparecencia na Oficina de Información do Goberno galego na cidade, Ortiz e Merelles destacaron tamén que ata este luns pasaron polas instalacións do albergue público Juan Manuel López Chaves, situado no Berbés, un total de 11.191 peregrinos, fronte aos 11.156 de 2024 e 10.945 que se aloxaron en 2023. No ano 2022 foron 7.950 e en 2021, ano no que se inaugurou o albergue, a cifra chegou a 1.950, o que fai un total de 43.192 persoas.
Así, a delegada da Xunta apuntou que dos 90.000 peregrinos chegados en 2025 polo Camiño da Costa, 11.000 foron americanos, 9.500 alemáns e 5.500 italianos. “Destaco isto porque falamos de peregrinos con alto poder adquisitivo que paran varios días en Vigo, nos nosos hoteis, comercios e restaurantes”, indicou. Tamén sinalou que desde que o trazado foi declarado oficialmente como ruta xacobea, en maio de 2026, xa realizaron este percorrido máis de 300.000 persoas.
Na mesma liña de promoción do itinerario lembrou o éxito da segunda edición da Etapa Popular Camiño da Costa, unha iniciativa celebrada o pasado mes de xuño cunha gran afluencia para participar no percorrido polo tramo da peregrinación xacobea entre Oia e Baiona. “Este tramo contrasta con Vigo, porque por desgraza, e a pesar das promesas, segue sendo a única cidade de Europa que non ten a ruta sinalizada e os peregrinos sofren as consecuencias”, sinalou Ortiz.
Cada vez máis desestacionalizado
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a resposta que a Xunta de Galicia está a dar a este crecemento de peregrinos, incrementando a capacidade aloxativa da rede pública de albergues coa posta en marcha do albergue do Berbés hai uns anos que está a rexistrar moi bos datos de ocupación. No que levamos de ano fixéronse máis de 11.000 noites e se está a comprobar que cada vez é máis empregado fóra de temporada alta. “De feito, este ano medrou un 41% e un 31% o número de noites nos meses de xaneiro e febreiro no albergue da rede do Xacobeo”, expresou Xosé Merelles.
O director de Turismo salientou tamén o importante papel que Vigo ten na oferta turística de Galicia e a importancia que a súa condición de cidade xacobea está a ter para dinamizar a economía local. “Con estas cifras pódese estimar que de media diaria hai uns 250 peregrinos que xeran riqueza nos establecementos e aloxamentos da cidade”. Neste sentido avanzou que do mesmo xeito que medra o número de peregrinos, comparte a preocupación do sector pola dinámica que este ano está a ter o número de viaxeiros na cidade con menos viaxeiros e menos actividade económica en varios meses do ano.

Ningún comentario:
Publicar un comentario