Tui pecha o ano 2025 como referente cultural na provincia
• O Teatro Municipal xunto ao novo Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela, acolleron innumerables eventos que contaron co respaldo do público
• Comezou tamén a programación conmemorativa do oitavo centenario da consagración da catedral de Tui que ten contado xa neste primeiro mes cunha gran acollida e que continuará até novembro de 2026
Infogauda / Tui
O Concello de Tui pecha o ano 2025 como referente cultural na provincia de Pontevedra tanto pola decidida aposta do goberno municipal, como polas actividades desenvolvidas, así coma pola crecente participación do público nos distintos eventos.
Neste remate de ano o goberno local reafirma o seu compromiso de conservar, protexer e fomentar o patrimonio cultural de Tui. A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, agradece a confianza do público e a súa resposta constante nas diferentes e variadas actividades realizadas ao longo dos últimos doce meses. Afirma a concelleira que “as cifras de asistencia e participación confirman a Tui como referente cultural non só na comarca, senón tamén no conxunto da provincia, avalando unha política cultural sostida, accesible e de calidade”.
Tui incrementou o seu investimento cultural por riba da media provincial, segundo reflicte o informe publicado o pasado mes de setembro polo Consello da Cultura Galega, no que analiza o investimento cultural dos 313 concellos galegos. Este estudo salienta que o nivel de investimento non depende tanto do tamaño da poboación senón das prioridades políticas. Así segundo o informe Tui está próximo a acadar o 39 % do gasto cultural de toda a provincia, un dato que reforza o liderado cultural do Concello, tal e coma explica Sonsoles Vicente.
O Teatro Municipal, un dos centros neurálxicos onde se desenvolveu esta programación, acolleu a máis de 15 mil persoas para gozar da variada e continuada actividade cultural. Este crecemento susténtase nunha programación estable e diversa, froito do convenio entre a AGADIC e o Concello de Tui para a xestión da de eventos a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Tamén ao desenvolvemento de festivais consolidados e referentes coma Play Doc ou IKFEM, de eventos coma o Festival de Teatro Grecolatino, do que Tui volveu ser sede neste 2025, de programas propios coma Cine nas Aulas, ou de actuacións para escolares coma as realizadas a través do programa + Escénicas, galas coma a entrega dos premios Cidade de Tui, ou máis recentemente a Gala do Deporte, a exitosa semana de Teatro Amador, festivais folclóricos, concertos… xunto a outras citas culturais.
Por outra parte un dos fitos máis salientables deste exercicio foi a consolidación de novos espazos culturais. É o caso do Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, inaugurado hai xusto un ano, cunha acollida espectacular. O propio concello desenvolveu no mesmo multitude de concertos, conferencias, mercados e outros eventos, sendo tamén moi demandado polas asociacións locais para realizar as súas actividades.
Foron tamén moi numerosas as actividades de diversa índole que se celebraron ao longo deste 2025 noutros espazos da cidade coma Música no Claustro, a programación de verán, as Festas de San Telmo, ou eventos coma a Festa do Miño que contribuíron a facer de Tui un referente ao longo dos últimos doce meses. Comezou tamén a programación conmemorativa do oitavo centenario da consagración da Catedral de Tui que ten contado xa neste primeiro mes cunha gran acollida e que continuará até novembro de 2026.
O Concello de Tui pecha o ano 2025 consolidando o seu traballo a prol da educación, a cultura e o tecido asociativo local. Neste ano realizouse un incremento significativo das partidas destinadas ás ANPAs, ás asociacións culturais, ás formacións musicais e ás bandas de gaitas cunha contía próxima aos 156.400 euros. Plásmase así a aposta decidida que se realiza pola cultura como eixo vertebrador da vida social e comunitaria do municipio.
Dende o Concello de Tui trabállase xa en novos eventos que conformarán o calendario cultural do municipio en 2026 continuando coa posta en valor e difusión do noso patrimonio cultural material e inmaterial

Ningún comentario:
Publicar un comentario