23 de dec. de 2025

TOMIÑO

Escolares de Tomiño enchen os escaparates de creatividade polo Nadal

 Xa poden verse en Tomiño e Goián as postais do concurso organizado por ADETO


Os escaparates dos comercios de Tomiño e Goián locen pequenas mostras de creatividade infantil coas postais participantes nunha nova edición do Concurso escolar de Postais de Nadal

Gonzalo Lomba / Tomiño

 Estes días de luces e decoracións espectaculares, os escaparates dos comercios de Tomiño e Goián locen pequenas mostras de creatividade infantil coas postais participantes nunha nova edición do Concurso escolar de Postais de Nadal. 

 Nenos e nenas dos colexios de infantil e primaria participaron nesta iniciativa cunhas 200 postais que estarán expostas nos escaparates do Seixo e Goián durante todas as vacacións escolares.  

 Desde ADETO animan ás familias a buscar as postais dos seus fillos mentres fan as últimas compras de Nadal e disfrutan da vila, da conversa cos veciños e de todo o que ofrece o comercio local. 

 Como parte do concurso, un xurado escollerá, de entre catro categorías de idades, as máis orixinais premiando aos seus autores ou autoras con vales regalo para desfrutar nos negocios locais.  

 Esta campaña forma parte do proxecto de promoción do comercio local de ADETO que conta con financiamento da Xunta de Galicia e do Concello de Tomiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario