12 de dec. de 2025

TOMIÑO

Aposta decidida polo ensino en Tomiño con máis de 40.000€ para actividades extraescolares  

 Máis de 240 rapaces e rapazas participan na oferta de lecer e aprendizaxe de balde que o Concello achega aos centros educativos do municipio  


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a concelleira de Educación, Cristina Martínez, nunha visita a unha das aulas onde se realizan actividades extraescolares
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Cando o timbre sinala o fin das clases, en Tomiño a aprendizaxe continúa. Aulas que se converten en obradoiros artísticos, laboratorios de robótica ou espazos de vivencias en inglés son xa parte da paisaxe educativa a través dos máis de 40.000 euros que o Concello destina este ano ás actividades extraescolares nos diferentes centros educativos do municipio neste curso 2025/2026, consolidando a aposta do Goberno local polo ensino. 

 Máis de 241 nenos e nenas de infantil, primaria e secundaria participan nesta programación pensada para complementar o currículo escolar, fomentar o talento e facilitar a conciliación das familias. A oferta, totalmente de balde, inclúe a actividade ART-Terra en educación infantil; cociña, robótica con Lego e ART-Terra en primaria e inglés para ESO e Bacharelato en secundaria. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que estes programas reflicten “un modelo de educación pública ampliada, no que o Concello se implica activamente para garantir que todas as nenas e nenos teñan acceso ás mesmas oportunidades, independentemente da súa situación familiar”. A rexedora  recalcou que “a educación non remata no horario lectivo, continúa en cada experiencia que esperta curiosidade, creatividade e participación, e iso é exactamente o que queremos fomentar”. 

 Pola súa banda, a concelleira de Educación, Cristina Martínez, destacou a alta acollida desta oferta, que supera de novo as cifras do ano pasado. “As familias valoran que Tomiño aposte por actividades de calidade, modernas e pensadas desde unha perspectiva educativa integral. O número de participantes, que crece cada ano, é unha mostra de que imos polo camiño correcto”, resaltou. O programa municipal non só favorece o desenvolvemento competencial do alumnado, senón que promove a conciliación, a igualdade de oportunidades e o acceso universal á cultura, á tecnoloxía e ao inglés como ferramenta clave no futuro académico e profesional da mocidade. 

 Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu obxectivo de converter Tomiño nun espazo educativo de referencia, onde a aprendizaxe e o lecer camiñan da man para construír unha comunidade máis creativa, inclusiva e preparada para os retos do futuro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario